Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 21.06.2019 Actualizado 20:58
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Morre o bosque atlántico galego: só se conserva o 1%

A franxa atlántica só conserva o 1% de monte galego pola presión urbanística, produtiva e humana ·· O último reduto: As Fragas do Eume, en regresión polo eucalipto

REBECA FERNÁNDEZ . SANTIAGO   | 24.01.2011 
A- A+

As Fragas do Eume son o último reducto de bosque autóctono na franxa atlántica. Nos últimos 50 anos, o eucalipto apoderouse do 20% do territorio

O enorme potencial de Galicia no sector forestal -cunha extensión próxima ó 70% da superficie total do país e responsable da metade da xeración de madeira do Estado- contrasta coa grave regresión do seu bosque autóctono. Á visión produtivista do monte -iniciada a mediados do século XX coa introdución de monocultivos de especies de rápido crecemento, eucalipto e piñeiro maioritariamente-, sumouse nos últimos anos unha forte presión humana e urbanística e unha desprotección dos ecosistemas que levou ó bosque atlántico á súa práctica desaparición e a unha forte degradación nos do interior. Perda de biodiversidade, emprobrecemento do solo ou a multiplicación de incendios forestais son algunhas das graves consecuencias desta perda.

A franxa litoral, na que se concentra a maior parte da poboación galega, é a peor parada. Nos primeiros trinta quilómetros de costa, as fragas de carballos persisten de forma testemuñal, aglutinadas en manchas moi pequenas e sen conexión entre si. A situación dos bosques de ribeira -ameneiros, freixos e bidueiros presentes nas marxes dos ríos- non é mellor, xa que presentan un alto grao de degradación, levando a que a franxa atlántica apenas conserve o 1% do bosque autóctono galego. "O 99% do bosque costeiro está ocupado por diferentes variedades de eucalipto e piñeiro, especies que nas últimas dúas décadas aumentaron dez veces a súa superficie", explica Adolfo Cordero, profesor da Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Forestal da Universidade de Vigo.

 

O eucalipto fíxose co 20% do parque en 50 anos

O parque natural das Fragas do Eume constitúe o último gran reduto duns ecosistemas vitais para a biodiversidade. A protección deste espazo, incluído na Rede Natura 2000, non o exime de problemas. Segundo constatou un equipo de investigación da Universidade Rey Juan Carlos, os seus carballos, castiñeiros, ameneiros e abeleiros van camiño da extinción. A causa: a introdución do eucalipto no parque, que chegou a ocupar uns 48 quilómetros de bosque de ribeira e máis de 650 hectáreas de frondosas, provocando unha regresión do 20% no seu bosque autóctono en 50 anos.

 

Emprobrecemento do solo e incendios, as consecuencias

As consecuencias derivadas desta perda son fatais: á importante perda de biodiversidade hai que sumarlle outros factores como o empobrecemento do solo ou a profusión de incendios forestais. "A substitución do bosque autóctono por especies como o eucalipto empobrece o chan, non só polas características da propia especie -xa que os fungos non son capaces de transformar as súas follas en humus-, senón pola necesidade de manexar estes exemplares exóticos con maquinaria moi pesada e herbicidas", apunta Cordero. A estas engádeselle unha máis: a perda do acerbo xenético das especies propias do país, que pode derivar na súa total extinción. "Cos exemplares autóctonos aglutinados en manchas sen conexión córrese o risco de que calquera modificación, como as que provoca o cambio climático, empobreza a xenética dos individuos, que acaban por morrer e desaparecer", aclara Alexandre Cendón, coordinador xeral da Federación Ecoloxista Galega (FEG). Por este motivo, a conexión das manchas existentes a través de corredores ecolóxicos -papel que desempeñan de forma natural os cursos fluviais- sería clave para frear a regresión do bosque autóctono na franxa atlántica.

Unha medida que debería completarse cunha política forestal que primase a función ecolóxica do monte, evitando a plantación de monocultivos, rendibles económicamente pero altamente prexudiciais para o medio. Este cambio de mentalidade traería consigo unha serie de beneficios ecolóxicos pero tamén económicos como un maior control sobre pragas como a do nemotodo, os incendios forestais ou mesmo sobre o ciclo da auga en lugares desforestados, evitando as riadas. "Lexislatura tras lexislatura, vense primando o sector produtivo sobre o resto, obviando que un bosque é un ecosistema complexo e primordial para a vida mentres que unha plantación non é máis que un conxunto de árbores", engade Cendón. Cordero coincide coa visión ecoloxista: "En Galicia favorécese a produción de madeira, que supón un beneficio a curto prazo. Algo lóxico dende o punto de vista empresarial pero non da Administración, que debería pensar máis no futuro", afirma o profesor, quen achega outro dato: a Administración está gastando máis cartos en apagar lumes do que obtén coa actividade do sector forestal, que hoxe en día representa o 3"5% do Produto Interior Bruto (PIB) da comunidade.

 

Industria e infraestruturas prevalecen sobre o monte

Esta política forestal, que prima a filosofía produtivista, ten unha segunda consecuencia para o movemento ecoloxista: a ausencia de políticas de preservación no noso territorio. Cómpre recordar que a superficie protexida de Galicia é a metade da que lle correspondería, tendo a Rede Natura máis cativa do Estado. A causa: en calquera tipo de actividade prevalece o interese económico sobre o natural. Así o cre Benito Andrade, integrante da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APdR), quen denuncia a prevalencia no monte dos intereses privados -sexa a industria madeireira, a celulosa ou a mineira- ou os denominados "de interese xeral" como as infraestruturas. "As vías de agresión estanse multiplicando", afirma Andrade, quen cre que calquera medida para reverter esta situación pasa por ampliar a protección e facer efectivas as figuras de protección existentes.

 

Rexorden os do interior grazas ó abandono rural

No medio desta situación insostible, hai lampexos de esperanza. Aínda que estes derivan dunha situación prexudicial para o conxunto do país: o abandono do rural e o desprazamento poboacional cara á franxa atlántica está a provocar un rexurdimento do bosque autóctono do interior. "O bosque recupérase de forma ntural", asegura o profesor de ecoloxía forestal, que engade que é nestas zonas onde aínda se pode gozar o bosque autóctono en estado non puro pero case. Vivos exemplos serían as masas boscosas dos Ancares ou o Courel, dotados dunha riqueza e vexetación incrible que, non obstante, comezan a verse afectados polos intereses económicos e industriais. "Esta crise do rural ofrécenos a oportunidade de asentar estes bosques autóctonos que se recuperan de forma natural. Sería interesante promulgar partidas para consolidar esas masas a través de traballos fáciles e pouco custosos como a realización de podas e rozas selectivas ou a creación de devasas para o que o lume non entre", explica Cendón. A clave: aproveitarnos da acción de rexeneración do propio medio natural.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS