Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Morre con coronavirus en Santiago o exconselleiro Dositeo Rodríguez aos 84 anos

O falecemento do exmandatario popular eleva a 46 as mortes con COVID-19 en Galicia

Dositeo Rodríguez
Dositeo Rodríguez

SANTIAGO. EP  | 28.03.2020 
A- A+

O exconselleiro da Xunta e exmandatario do Partido Popular Dositeo Rodríguez faleceu este venres no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde permanecía ingresado con coronavirus desde mediados desta semana.

A morte do conselleiro de Presidencia da Xunta entre 1990 e 1999 eleva a 46 as vítimas mortais con COVID-19 na Comunidade galega e supón a terceira deste venres.

Rodríguez, nacido no municipio lucense de Ribas de Sil en 1935, ingresou a medidados desta semana no CHUS, onde deu positivo por coronavirus.

Licenciado en Dereito e profesor mercantil, desempeñou varios cargos na administración ata que deu o paso á política, onde ocupou a Consellería de Presidencia entre 1990 e 1999 durante varios gobernos do presidente galego Manuel Fraga.

Foi deputado autonómico durante seis anos e optou en varias ocasións á Alcaldía de Santiago de Compostela polo PP, formación da que foi portavoz municipal até 2006, período no que, ademais, tamén exerceu de vicepresidente da Deputación da Coruña (entre 2003 e 2006).

Ademais, foi membro do Consello de Contas e do Padroado da Fundación Camilo José Cela. A comezos deste ano 2020, Dositeo Rodríguez foi absolto xunto coa viúva do Premio Nobel, Marina Castaño, dun delito de malversación de fondos pola xestión da fundación en honra ao escritor nado en Iria Flavia (A Coruña).

Após coñecerse a súa morte, o presidente galego e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, publicou unha mensaxe na súa conta de Twitter no que expresa o seu pesar pola perda de Dositeo Rodríguez.

"Sinto moito o falecemento de Dositeo Rodríguez. Un servidor público con maiúsculas, unha boa persona e un bo amigo. Todo o noso agarimo para a súa familia. Que tristura todo isto. Descanse en paz", di o 'tuit' de Feijóo.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS