Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 22.09.2017 Actualizado 19:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Morre a escritora e académica galega Xohana Torres

A RAG recórdaa como "unha das voces máis destacadas das letras galegas contemporáneas que creceron na posguerra" // A Deputación da Coruña anuncia unha homenaxe para este mes

Xohana Torres - FOTO: RAG
Xohana Torres - FOTO: RAG

SANTIAGO. EP  | 13.09.2017 
A- A+

 A escritora e membro da Real Academia Galega (RAG) Xohana Torres (Santiago de Compostela, 1931) faleceu o martes á 85 idade en Vigo. A capela ardente permanecerá aberta no Tanatorio Vigo Memorial, onde será incinerada ás 21,30 horas.

Diso informou este mércores a RAG, que lamentou a morte desta autora, á que lembra como "unha das voces máis destacadas das letras galegas contemporáneas que creceron na posguerra". A súa obra abarca a poesía, a narrativa, o ensaio e a literatura infantil.

Xohana Torres naceu en Santiago o 22 de novembro de 1931 e criouse en Ferrol, onde estaba destinado como mariño o seu pai. A RAG lembrou que a escritora tamén ten raíces en terras do Avia, onde a súa avoa, Lola, ensinoulle "a fala galega máis íntima e a cultura popular". Precisamente, a ela está dedicado o último libro de Xoaha, 'Elexías a Lola (2016)'.

Publicou os seus primeiros versos sendo adolescente na revista do instituto. Algún deles, como 'Soidá', formarían parte do seu primeiro libro, do mesmo xeito que 'Nai', que deu a coñecer en 1953 na revista 'Aturuxo' animada por Ricardo Carballo Calero, o seu profesor de Historia e Literatura no bacharelato.

En 1955 recibiu primeiro o premio de poesía da Asociación da Prensa de Vigo, compartido con Celso Emilio Ferreiro, por outro poema, 'A nosa primaveira: toxos', e en 1957 publicou o seu primeiro libro, 'Do sulco(1957)', na colección de poesía Illa Nova de Galaxia, acabada de crear para acubillar as novas voces das letras galegas.

Como poeta, publicou tamén 'Estación ao mar (1980)', Premio da Crítica española en 1981, 'Tempo de ría (1992)' e 'Poesías reunidas (1957-2001)', así como 'Elexía a Lola (2016)'. Como dramaturga, a RAG destacou as súas contribucións ao teatro da posguerra con 'A outra banda do Iberr (1965)', gañadora do Premio Castelao do Teatro Galego da Agrupación Cultural Ou Galo, e 'Un hotel de primeira sobre ou río (1968)'.

Asinou tamén a novela 'Adiós, María (1971)', Premio Galicia do Centro Gallego de Buenos Aires; e, xa no campo da literatura infantil, 'Polo mar van as sardiñas (1968)' e 'Pericles e a tirotea (1984)'.

PESAR DAS INSTITUCIÓNS

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, trasladou o "profundo pesar" da Xunta polo falecemento da escritora Xohana Torres.

Nun comunicado, destacou que Torres "foi unha escritora plena, dinamizadora da cultura e a lingua", e unha persoa que "desdeñou a espera de Penélope e preferiu o periplo errante e revelador do temerario Ulises".

Rodríguez agradeceu á escritora que "fixese partícipe ao pobo galego da súa viaxe vital" a través dos versos neses "cadernos de bitácora singulares" que compartía cos seus lectores.

"En todos os galegos e galegas permanece, para revivir a experiencia, a súa voz poética irrepetible", conclúe.

A Deputación da Coruña anuncia unha homenaxe este mes

A Deputación da Coruña lamentou a morte de Xohana Torres, escritora nada en Santiago de Compostela e falecida o martes aos 85 anos en Vigo, á vez que anunciou que lle renderá unha homenaxe no próximo Festival Rosalía que se celebrará os días 29 e 30 de setembro.

Nun comunicado, a vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, define a Xohana Torres como "unha das grandes figuras da nosa literatura".

"Unha muller con claro compromiso na normalización lingüística e autora dunha obra dunha calidade extraordinaria tanto en poesía como en prosa ou teatro", engade.

COMPROMISO CO GALEGO

Dela, di tamén que foi "un dos grandes nomes da nosa literatura, unha figura querida e respectada, cunha altísima obra escrita sempre na nosa lingua e pertencente a esa xeración que se comprometeu hondamente co galego".

Por outra banda, a vicepresidenta da Deputación da Coruña anunciou que se lle tributará unha homenaxe especial no Festival Rosalía que se celebrará os días 29 e 30 de sepiembre en Santiago de Compostela, en colaboración co Concello, a Fundación Rosalía e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS