Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 22.11.2017 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Mostrario de fracasos

XOSÉ A. GACIÑO  | 02.11.2017 
A- A+

Gran fracaso da política, grave crise da estrutura constitucional do 78, naufraxio do Estado das autonomías... Abundaban as conclusións catastrofistas a propósito da aplicación do artigo 155 da Constitución en resposta á efémera proclamación da república catalá (que, segundo algunhas interpretacións xurídicas, parece que nin sequera se produciu, dadas as precaucións dos deputados independentistas para intentar eludir as accións xudiciais).

Quizais, en efecto, haxa algo de todas esas gravidades, tendo en conta que o 155 pertence a ese tipo de recursos (como os estados de excepción e de sitio) que se prevén precisamente para casos de vulneración grave das leis, que é un deses artigos que se desexa que nunca teñan que aplicarse. E dada a sobreactuación xeral en todo este proceso, pode que o que buscasen algúns (dos xestores da causa independentista) fose precisamente iso, que o goberno central puxese fin a unha situación que lles desbordaba e á que non podían poñer fin eles mesmos sen recibir o desprezo da cidadanía mobilizada. O calvario xudicial xa o tiñan asegurado, con ou sen 155, así que unha Generalitat intervida lles proporcionaba máis motivos para o vitimismo.

Pero as consecuencias catastróficas -enumeradas de xeito automático e xenérico contra o 155 antes de entrar en detalles- quedan máis atenuadas cando a súa aplicación se limita a unha campaña electoral, período no que calquera goberno ten limitadas as súas funcións a unha xestión case puramente administrativa. A campaña electoral, por outra banda, absorberá gran parte das enerxías que probablemente se pensaban dedicar á mobilización contra un período de intervención central máis longo.

Todo parece indicar que o lume sagrado da república virtual será custodiado por esa sorte de govern no exilio que ven de montar en Bruxelas o president destituído. Como se non dese para máis unha estratexia de mobilizacións que foi espectacular e impactante mentres se mantivo no terreo da propaganda reivindicativa, pero que se revelou insuficiente para soster un enfrontamento aberto contra o aparato do Estado. Prescindindo de consideracións legais e constitucionais (que xa é moito prescindir), a correlación de forzas non é precisamente favorábel, hoxe por hoxe, á causa independentista.

Certo que toda esta crise que se leva arrastrando desde hai cinco anos e que entrou en fase aguda nos últimos meses, ate chegar ao punto crítico a partir do 1 de outubro, vai ter as súas repercusións non só en Cataluña senón en toda España. Algunhas forzas da nova esquerda, que, sen ser independentistas, defenderon -e aínda insisten- a posibilidade dun referendo pactado (Quebec e Escocia como referentes), pensaron que podían aproveitar a ocasión para acabar co “réxime do 78” e realizar por fin aquela ruptura que non foi posíbel na transición, pero remataron enredados na dinámica absorbente dos independentistas e empezan a ter problemas de coherencia e de disidencias en toda España.

Forzando os límites do seu alto nivel de autogoberno e intentando saltarse a Constitución para intentar o acceso á independencia, pode que os independentistas cataláns rematen provocando un retroceso no nivel xa acadado. De momento, xa provocaron o primeiro ensaio de intervención central e unha recuperación do bipartidismo que se supoñía que entrara en crise coas novas forzas emerxentes. Xa veremos en que quedan os debates sobre reforma constitucional: ninguén pode asegurar que vaia ampliar cotas de autonomía.

E con todo este pulso entre goberno periférico e goberno central acaparando primeiras páxinas e informativos audiovisuais, apenas nos decatamos das graves acusacións fiscais sobre corrupción contra o partido que goberna España nin da marcha xudicial de asuntos parecidos que afectan a un dos partidos que se envolven agora en esteladas. Todo un mostrario de fracasos. 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS