Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 29.07.2014  | Actualizado 13.38

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CARTAS BOCA ARRIBA

O mundo infeliz do circo

DIANA VARELA PUÑAL  | 11.10.2011 
A- A+

"Un estado totalitario realmente eficaz sería aquel no cal os xefes políticos todopoderosos e o seu exército de colaboradores poidesen gobernar unha poboación de escravos sobre os cales non fose preciso exercer coerción ningunha por canto amarían a súa servidume. Inducilos a amala é a tarefa asignada nos actuais estados totalitarios ós ministerios de propaganda, ós directores dos xornais e ós mestres de escola." Este pequeno párrafo atopámolo no prólogo que Aldous Huxley asinou para a súa obra "Un mundo feliz", publicada en 1932. Seguidamente o escritor lamentábase de que naquela época os métodos para o correcto adestramento da poboación aínda eran toscos e anticientíficos, supoñendo, como efectivamente a historia corroborou, que ó cabo dos anos o sistema se perfeccionaría.

Os empregados da finada Caixa Galicia chegan ás súas casas, día si, día tamén, atemorizados e compunxidos. Os que levan pouco tempo traballando para a "entidade sen entidade", polo barato que pode sair botalos á rúa, e os que levan moito, polo caro que lles sae mantelos en plantilla. Pola cuarta parte do soldo dun deses traballadores con "antigüidade", os resabiados banqueiros contratarían a un recén licenciado, que habelos hainos a mancheas vendendo roupa nos centros comerciais ou servindo copas, dispostos a calquera cousa que se somelle a un emprego relacionado coa carreira estudiada.

Mentras tanto, concretáronse os premios dos que levaron o barco a pique. Aínda se fose un premio de consolación, un detalliño en recordo dos vellos tempos, unha insignia, un diploma…, mais non se conforman con menudencias! Esquezan aqueles capitáns que se afundían co barco, de ter un mínimo de vergoña ou do mundo feliz do circo, xa ven que incluso o pallaso Charlie Rivel era un violento insufrible, cascáballe á filla e a calquera que lle levase á contraria. Lonxe ficou a entrañable anécdota do neno que lle ofreceu o seu chupete para que o pallaso deixara de chorar, cousa que Charlie fixera precisamente para acalmar ó pequeno, aterrorizado ante a súa aparición en escea. Ben sabía a crianza a quen tiña diante. Nin dos pallasos se pode fiar un!

O triple salto mortal de Caixa Galicia a Novacaixagalicia e a Bancononseiquemáis, abofé que foi mortal. Pero lonxe de afundirse con el, os capitáns retozan se cadra en Hawai cos seus choferes e gardaespaldas e o seu vemouth con oliva antes do xantar, mentras os empregados do Bancononseiquemáis chegan ás súas casas humillados e compunxidos polos ERES, prexubilacións e demáis torturas. O vixente Código Penal español tipificou como delito condutas que poderían encaixar exactamente, como o zapatiño de Cincenta, nos feitos presuntos dos que falamos, e incluso preveu a posiblidadade de intervir de oficio ante a sospeita fundada de semellantes desfalcos. A crise económica ten nomes e apelidos. Descobrir ós culpables e ós cómplices, e xulgalos "de oficio" contribuiría a desmintir a Huxley, ou cando menos a corrixir o rumbo dun sistema que, a día de hoxe, está máis corrompido có circo de Charlie Rivel.

Diana Varela Puñal

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS