Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

O mundo no límite ecolóxico

MANUEL MERA  | 03.09.2019 
A- A+

A xuntanza do G-7, se cadra porque houbo debates sobre a situación mundial que non se podían socializar, orientaron a imaxe no exterior das preocupacións dos reunidos cara a devastadora destrución da selva do Amazonas, un dos pulmóns do mundo, e respecto da incorporación ou non (de novo) de Rusia a este organismo internacional. O primeiro tema era presentado por Francia, o país anfitreon, seica co obxectivo de cuestionar o cordo de libre comercio da UE co MERCOSUR que afecta ao sector agro-gandeiro francés, e con toda seguridade tamén o galego. Esta iniciativa causou unha resposta inmediata chea de xenreira de Bolsonaro contra Macron, e un rexeitamento inicial dos 20 millóns de axuda do FMI, aínda que nos días seguintes o presidente do Brasil matizou esta negativa, ademais de enviar o exército para axudar na extinción dos lumes.

A incorporación de Rusia ao G-7 foi proposta por Trump, que contou coa oposición dunha parte dos presentes. Unha iniciativa que chama a atención, especialmente cando os Estados Unidos acaba de aumentar as sancións contra Moscova, o que fai pensar na política do pau e a cenoria, co obxectivo de afastar a Rusia de China. Ademais, se Washington quixese realmente facer forza no tema, sería moi difícil unha oposición sólida á participación de Rusia, máxime tendo en consideración que a UE está dividida respecto da actitude a manter coa potencia eslava.

Agora ben, para alén de que o G7 utilizase como subterfuxio e propaganda a cuestión ecolóxica, sabendo que se trata dun tema importante e sensíbel, o certo é que terminado o cumio esta cuestión pasou a un segundo plano. Malia que como recoñecen os medios a baga de lumes é superior a anos anteriores e practicamente se estende por todo o mundo, dende o Amazonas, até a zona ecuatorial de África, así como Siberia. É sendo verdade que en moitos casos agravouse o problema pola extensión das zonas adicadas á agricultura, como pode ser o caso de Brasil e Bolivia, por mor da plantación de soia, mais no fondo hai un problema demográfico, de modelo de produción e modo de vida, de sistema, que se debería resolver antes de que sexa demasiado tarde. Analicemos un pouco máis polo miúdo estes tres aspectos.

Non é o mesmo un mundo con 3.680 millóns de habitantes, como o que existía hai cincuenta anos, que un de 7.700 millóns coma hoxe (máis do dobre), ou con 9-10 mil millóns que se calcula terá no ano 2050. Máxime cando se considera que unha maior calidade de vida vai unida a un maior consumo individual de bens e de enerxía. Sumémoslle a isto, como extensión e en constante expansión todo o relativo ás mascotas. Hai quen pensa que abonda con cambios nos hábitos de consumo para solucionar o problema, mais ignorar que a demografía ten un carácter multiplicador primario sería partir de hipóteses falsas para a solución do problema. É unha cuestión que non se pode obviar, tanto cando se dá un medre desmesurado da povoación, como cando a baixa natalidade e a emigración amosa as contradicións dun sistema socio-económico baseado na explotación e opresión. E esta non é unha cuestión que atinxa só a países da periferia estrema.

Outro dos aspectos que non se poden obviar é o modelo produtivo, non é o mesmo utilizar recursos renovábeis e poucos contaminantes, que aqueles que degradan con rapidez o medio ambiente, e ademais son insubstituíbeis. E isto pon en primeiro plano cuestións como a produción de enerxía, porén tamén o consumo e a contaminación que se produce polo transporte de mercadorías cruzando medio mundo. Resulta evidente que a liberdade de mercado ligada á internacionalización da maior parte da produción e do consumo é unha decisión política, en beneficio das grandes potencias e empresas, que son as que poden competir na economía de escala. Un proceso no que os grandes avances técnicos e en calidade de vida, conviven coa desigualdade, degradación do medio ambiente, destrución de países, e condicións laborais e de vida indignas.

E por último, non se pode obviar a concentración urbana, o turismo de masas, e os desprazamentos a medias distancias para o traballo e todo tipo de actividades na vida cotiá das persoas. Non só os coches particulares son responsábeis da contaminación, senón os centos de cruceiros xigantescos, os milleiros de avións, as ducias de milleiros de iates deportivos. Todos estes transportes son parte importante da degradación tal como indican estudos sobre o tema, non só en relación coa contaminación medio ambiental, senón tamén coa degradación de selvas, bosques, mares e ríos, por non falar de cidades onde practicamente xa non se pode vivir (hai quen di que saír á rúa en Compostela xa é unha tortura). Mais todo o que teña que ver co turismo non se pode debater, seica é un piar fundamental da economía. Aínda que se esaxera un chisco, engadindo nas estatísticas a todo o sector hostaleiro, que ten como cliente habitual ao residente e non ao turista. Este último por exemplo na Galiza pasa de media uns dous días no país. A cuestión é, se os intereses empresariais teñen máis importancia que o futuro do planeta, tanto que nin se admite unha planificación e regulación con perspectivas de futuro. Ulo a racionalidade?

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS