Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 29.07.2014  | Actualizado 13.38

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CARTAS BOCA ARRIBA

Musas de a pé

DIANA VARELA PUÑAL  | 21.08.2011 
A- A+

Os tradutores botaríanse as mans á cabeza, pero gústame o concepto. Musa de a pé, moito mellor ca elevacións valeiras de sentido, a “nada retórica” da que nunha ocasión nos falou o admirado poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello. Fago un guiño á colección “Musa Pedestris” da Editorial Trifolium. Son uns volumes deliciosamente pequenos e manexables, de papel e cubertas cor crema e mate, que caben á perfección no peto da chaqueta ou do pantalón.

Unha feliz descuberta que desta volta nos permite, aproveitando o ensarillado do fío, render merecido tributo ás nosas editoriais. Fan esforzos titánicos para saír adiante, remesados os cartos da cultura a outro tipo de empresas máis proveitosas a nivel político. Ou quizais o peche da billa sexa froito dun plan moito máis macabro e premeditado. Desde sempre se soubo que no mundo das artes agroman contestatarios e inconformistas. Cortar o fluxo da auga nunca falla. Aínda así, o que máis os debe amolar é non teren unha alternativa á altura. Só lles queda pechar a billa.

“O ocio e a diversión na cidade”, de José Luis Aranguren; “Arte de escribir sen arte”, de Felipez Alaiz; “Eloxio da ociosidade” e “Por que non son cristián”, de Bertrand Russell; “A natureza humana: xustiza versus poder”, de Noam Chomsky e Michel Foucault; “O dereito á preguiza”, de Paul Lafargue; “Sobre a lectura e Días de lectura”, de Marcel Proust; “O mercado e a globalización”, de José Luis Sampedro. Son os títulos que leva publicado Trifolium nesta colección, e se tivese que escoller, sería francamente difícil, así que lles recomendo lélos todos, sonche moi xeitosos de transportar e non obstante, xigantes. En poucas páxinas transmiten unha carga conceptual e de profundidade que sería unha mágoa deixar pasar.

Boa proba de canto interesa facerse ou desfacerse da cultura, é o pasmoso debate sobre quen levará a batuta da Concellaría. A peculiar lista de candidatos ó posto, desmente aquelo de que en tempo de crise é un gasto supérfluo: todos desexan coroarse de loureiro e espallar uns versos, o da cultura é o de menos. Confeso que ando intrigada polo desenlace deste último capítulo traxicómico da nosa malfadada anque resistente historia. Á volta do verán teremos a solución… Disque hai anos Miguel Pernas advertiu: Corpo a terra que chegan os nosos!

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS