Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

'Os do Sexto. Un proxecto museográfico feito por nenos'

O Museo de Pontevedra programa unha exposición comisariada por nenos de primaria

PONTEVEDRA. EP  | 12.09.2017 
A- A+

Un grupo de 15 alumnos de primaria de entre 8 e 12 anos poderán participar nun programa para escoller e comisariar unha exposición propia que será incluída no calendario do Museo de Pontevedra do próximo ano.

A iniciativa 'Os do Sexto. Un proxecto museográfico feito por nenos' foi presentada este martes en rolda de prensa polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, polo director do Museo, Carlos Vale, e a xestora cultural, África Martínez.

A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta iniciativa en colaboración co equipo de xestoras culturais de 'Taller Aberto', co propósito de aplicar a filosofía do pedagogo italiano Francesco Tonucci, "para darlle o protagonismo aos nenos e fomentar a súa autonomía na valoración e na elección das obras", asegurou Xosé Leal.

A iniciativa permitirá que os nenos participantes coñezan a fondo as coleccións do Museo e seleccionen aquelas obras que decidan incluír na exposición final, xerando o seu propio discurso expositivo e organizando todo o relativo á montaxe dunha mostra. Segundo resumiu África Martínez os adultos só actuarán "como guía".

O quince nenos participantes terán unha sesión semanal, os xoves de 17,00 a 19,00 horas, entre o 5 de outubro e o 18 de xaneiro. O proceso culminará no mes de febreiro coa montaxe da exposición final, que será incluída no calendario do Museo.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de setembro e os menores interesados deben enviar ao correo electrónico do gabinete didáctico do Museo unha fotografía na que apareza retratado cunha obra da colección permanente do Sexto Edificio e un breve texto no que explique por que elixe a obra.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS