Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Xoves 18.12.2014  | Actualizado 21.12

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

O SAL DA TERRA

Música co cotián

JOAQUIM VENTURA  | 14.03.2012 
A- A+

As máis das diversas disciplinas artísticas teñen unha creación ou xestación individual. Cando son recibidas de xeito colectivo a receción adoita ser pasiva. Así, un pintor ou un escultor traballan no seu taller e a observación posterior da súa tarefa pode ter lugar cunha dimensión individual, na intimidade dunha casa ou dun despacho, ou colectiva nun museo ou nunha exposición.

 

A literatura, pola súa banda, tiña unha dimensión colectiva cando era transmitida oralmente (reproducida se era ágrafa, lida se era escrita). Outra cousa sería a literatura dramàtica, o teatro, que só ten sentido cando é representada: sempre de xeito colectivo se ben cun espectador abonda.

 

O mesmo poderiamos dicir da música, se ben a súa reprodución non varía se é escoitada por unha soa persoa ou por máis, quer en vivo quer con reprodución mecànica. Con todo, a música ten unha diferencia verbo das outras disciplinas artísticas. Pode ser creada e/ou reproducida por persoas quen non sepan ler nin escribir (nin letras nin en pentagrama) e a súa execución pode facer partícipe a un colectivo se falamos do baile.

 

E se facemos exceción da literatura de transmisión oral, que non precisa máis que memoria e voz, a música pode ser a máis minimalista das artes. Inclusive empregando obxectos cuxo uso principal é outro, as máis das veces absolutamente prosaico, coa percusión. E unha boa mostra disto é o que ofrece a castelá Vanesa Muela, quen recentemente actuou no Auditori de Barcelona dentro do Festival Internacional de Percusión. Demostrou a súa abelencia á hora de tirar ritmo de ferramentas tan dispares pero tan cotiás como serían un morteiro de bronce, unha mesa (para acompañar a cadencia do amasado do pan), una tapa de ola ou un cribo de garabanzos, unhas culleres ou unha tixola. Sen contar, naturalmente, cos pandeiros zamoráns da comarca do Aliste (da mesma familia que os galegos) ou as diversas posibilidades das pandeiretas, chegadas a terras cristiás desde Al Andalus, ou das cunchas, ben coñecidas entre nós.

 

Pero Vanesa Muela ten tamén unha voz prodixiosa que fai que calquera canzón de traballo ou calquera copla acade unha dimensión de obra ben acabada. E se sorprende por ritmos insólitos como o continuo da peneira garabanceira, deixou claro que a imaxinación popular non ten límites cando executou un instrumento chamado “carajillo”, feito con media càscara de noce e unha làmina de pau suxeitada á primeira cun fío resistente, na cal percuten os cinco dedos sucesivamente.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS