Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

noticias cotiás

Na preestrea de 'A Esmorga'

Cartel do filme - FOTO: RF
Cartel do filme - FOTO: RF

RUTH FERNÁNDEZ  | 11.11.2014 
A- A+

Ignacio Vilar, coñecido por filmes como Vilamor ou Pradolongo, dirixe a nova adaptación cinematográfica da novela homónima de Eduardo Blanco Amor. O próximo día 21 de novembro é a data oficial na que se estreará o filme en todas as salas comerciais de Galicia. Pero algúns privilexiados xa puidemos desfrutar da película o pasado sábado en Vigo. Nos cines Gran Vía o director do filme, acompañado de parte do elenco, cun rostro coñecido da TVG como é  Morris, presentaba o día 8 o resultado dun traballo que tiña como fin conseguir unha película en galego que puidese competir cos demais filmes cos que compartirá a carteleira. Agardamos un cheo absoluto e que se manteña varias semanas en primeira liña. Como dicía Morris nos momentos previos ao pase da película: “se vos gusta, empregade o boca a boca para facer que a xente vaia ao cine a ver a película, se non vos gusta… gardade o segredo”. Aquí estamos, co boca a boca.

Ver a nova película que ten como lingua de comunicación a propia, a do berce, convida hoxe a unha nova lectura da novela, para refrescar a memoria, lembrar algunhas escenas e comprobar a fidelidade ao texto de Blanco Amor, aínda sendo conscientes da liberdade dos directores e guionistas á hora de facer unha versión cinematográfica dun texto de autoridade como é a dura historia que se reflicte baixo o título de A Esmorga. Como lembrarán vostedes, queridos lectores, a novela conta unha noite de troula desmedida protagonizada por tres personaxes marxinados, aos que aludiremos máis adiante. Van de taberna en taberna, deambulando por rúas e prostíbulos, transgredindo todo tipo de normas sen deixar de beber, nunha borracheira que vai “in crescendo” e que só pode rematar de xeito tráxico, coa morte como protagonista, arrastrando os problemas que dous deles iniciaran a noite anterior ao deixar xa por morto a un home na taberna do Chaguazoso.

Tendo Ourense un protagonismo esencial na obra de Blanco Amor, a cidade de Augasquentes, como a chamaba o poeta ourensán José Ángel Valente, concederá este ano, na súa 19 edición do OUFF (o Festival de cine internacional de Ourense), un espazo de privilexio (como non podía ser doutro xeito) á longametraxe de Vilar. O festival celebrarase dende o 15 ao 23 de novembro, dándose cita na pantalla Xanciño "Bocas", Cibrán "Castizo", e Aladio "Milhomes", da man do vasco Karra Elejalde e dos galegos Miguel de Lira e Antonio Durán "Morris".

RF
Roteiro da Esmorga
FOTO: RF

No filme, gravado na provincia de Ourense, percorremos a cidade de Auria baixo o prisma dun momento histórico pasado, asistindo á recreación da época na que Blanco Amor ambienta a trama, escrita no ano 1959. Vémolo nos escenarios, na vestimenta dos personaxes… paseamos polo casco vello de Ourense, pola Plaza do Ferro e a Praza Maior, achegámonos á capela do Santo Cristo… Máis alá da posibilidade de percorrer eses espazos a través do coñecido ‘Roteiro da Esmorga’ nun paseo pola cidade das Burgas, nesta ocasión adentrámonos nas adegas, tabernas e prostíbulos cos protagonistas, camiñando polas rúas con Cibrán e co Bocas e o Milhomes, dous personaxes da obra que fixeron que Blanco Amor se adiantase tanto ao seu tempo ao tratar abertamente o tema da homosexualidade na novela.

A estrea faise coincidindo co 35 aniversario do pasamento do escritor ourensano que creou o universo literario que hoxe vemos reflectido na grande pantalla, falecido o 1 de decembro de 1979. Os que nacemos posteriormente a esa data e estudamos logo a obra de Blanco Amor nos anos de instituto coñecemos a un dos grandes das letras galegas a través da obra na que a Raxada, o Xanciño, o Cibrán, o Aladio e a Socorrito deambulan polas súas páxinas. E hoxe recibimos con gran alegría a adaptación ao cine da novela. Que non sentirán os que, maiores en idade, chegaron a escoitar a Blanco Amor nalgún acto público, que mesmo o coñeceron. Grazas a Vía Láctea Filmes e á Editorial Galaxia, productoras do filme, así como ao Concello de Ourense, á Deputación Provincial de Ourense, á Xunta de Galicia, TVG e TVE, facíase realidade o proxecto soñado, anunciado en 2010, durante a XV edición do Festival citado.

Máis alá da existencia dunha versión cinematográfica anterior con José Sacristán como parte do elenco, presentada co título de “Parranda”, “A Esmorga” de I. Vilar, que tivemos o luxo de visionar nese pase privado en Vigo, merece un sonoro aplauso. Por fin existe unha versión galega da novela no cine. Dise que contarán con cincuenta copias, 25 en formato cine e 25 en blu-ray, polo que vai chegar a toda Galicia. Dende aquí a miña noraboa a todo o equipo!

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS