Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.11.2017 Actualizado 20:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A nación é o povo, sempre o foi

MANUEL MERA  | 23.08.2017 
A- A+

Hai 130 anos, o Partido Federal de Galicia, na súa Segunda Asemblea, en xullo de 1887, redactaba un proxecto de Constitución para un Estado Galaico. Lembremos que a iniciativa viña de 1883, cando Segundo Moreno Barcia formulou a proposta. Na redacción participarían figuras como Aureliano Pereira, Manuel Castro López, Santiago Casares e Manuel Leiras Pulpeiro. Moitos deles tiveron un papel destacado no rexionalismo e darían pulo ás Irmandades da Fala. Estas á súa vez servirían como base para a fundación do Partido Galeguista no ano 1931.

O proxecto de Constitución constaba de cen artigos, que recollían a igualdade diante da lei, o sufraxio universal aos 21 anos, (tamén o feminino, condicionado neste caso ao grao de estudos), a liberdade de prensa e cultos, de opinión, de asociación e reunión. Impulsaría a mellora das condicións laborais do proletariado. O texto afirmaba que a soberanía residía no povo galego, que se dotaría da súa propia organización. Tiña como obxectivo un estado galaico, democrático e republicano, e procuraba unha relación federativa co Estado español.

Cinco anos despois, en 1892, Alfredo Brañas, redactaba as bases do Rexionalismo galego. Brañas era un católico practicante, conservador, que militou parte da súa vida no carlismo e organizou sindicatos guiados pola conciliación de clases, e que entendía a “independencia e liberdade” como sinónimos de descentralización. Manuel Murguia tiña unha postura máis liberal e autonomista, considerando a Galiza tanto unha rexión como unha nación, segundo o texto. Habería que esperar ao Manifesto Nacionalista de Lugo, no ano 1918, para contar cun documento máis completo sobre o ideario nacionalista, que en boa medida recollía as propostas federalistas de 1887.

Houbo no galeguismo/nacionalismo pluralidade e continuidade histórica. É un longo proceso, que comeza na Ilustración, adquire valor coa Xunta Suprema do reino de Galiza, e reaxe á eliminación do antigo reino coa revolución de 1846. E por suposto, foi moi influenciado polos ideais do romanticismo da época.

Non se pode dicir que nas etapas posteriores as propostas nacionais e sociais fosen sempre máis avanzadas que nas anteriores, non sendo a reafirmación lingüística, e o pulo que representa a lectura da realidade nacional galega dende o marxismo, a partir da década dos sesenta do século pasado. Que así fose ten a súa lóxica, tanto polo contexto internacional e os cambios sociais no país, como porque a ditadura franquista significou unha ruptura, como consecuencia de catro décadas de represión en todos os ámbitos. A transición de 1978 non saldou contas con esa enorme regresión social, cultural e política. Lembremos que sacrificou tanto as reclamacións da clase traballadora (Pactos da Moncloa), como as reivindicacións nacionais (Estado das Autonomías, LOAPA, lei de mercado único, transferencia de competencias á UE, TLCs, OTAN...).

Agora ben. Mesmo un contexto tan adverso como o actual non xustifica a renuncia, o derrotismo dalgúns partidos da esquerda no relativo á loita contra a explotación e a opresión. Máxime se temos en consideración a perda da diversidade cultural e lingüística, o recuar dos dereitos políticos e laborais (lei mordaza, contra-reformas laborais, etc.), e o aumento da desigualdade, da violencia, da corrupción e da especulación, das migracións forzadas, da destrución dos ecosistemas. Mudaron os escenarios e a correlación de forzas en relación coa década dos setenta. Houbo inmensos avances científico-técnicos, e existe unha correlación de forzas máis adversa, entre outros cambios. Son realidades que non se poden negar. Porén, os atrancos das persoas no cualitativo seguen a ser esencialmente os mesmos, agravados en moitos aspectos.

Polo tanto, é lóxico e fundamental que o nacionalismo galego defenda a cultura e lingua propia. Porén tamén, que coa mesma intensidade, o nacionalismo galego loite por un modelo económico e social redistributivo, xusto e solidario, e unha democracia popular. Un proxecto antisistémico. Non como unha nostalxia serodia da loita contra a ditadura, nen do contexto da Guerra Fría, senón como a resposta axeitada contra un capitalismo que potencia a centralización e concentración do poder e da riqueza, tanto entre clases sociais como entre países (en prexuízo dos máis débiles e/ou dependentes, como Galiza). Un capitalismo globalizador e neoliberal que controla, como nunca antes, a través dos medios e mecanismos represivos, os comportamentos sociais, as referencias culturais e a formación da conciencia colectiva, en beneficio das clases dominantes (e das potencias hexemónicas). E a nación é o povo, as clases populares.

Por todas estas razóns, no aspecto cualitativo, na agudeza coa que se manifestan as contradicións, ficamos hoxe máis próximos da década do setenta do século pasado, que do período económico da burbulla inmobiliaria da década dos noventa e parte deste século ate o inicio da crise. E sendo momentos distintos, hai aspectos comúns, xa que a radicalidade das propostas, os métodos de traballo e a mensaxe, sempre están condicionados pola agudización das contradicións sociais e nacionais, e polo estado de ánimo das masas

http://manuelmera.blogaliza.org/

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS