M. DE BRAN
O galeguista Víctor Casas, director do xornal A Nosa Terra desde 1922 ata que o fusilaron os franquistas en 1936, deixou escrito que o nacionalismo galego hai que fundalo no pobo e no marxismo. E outros grandes galeguistas, como Roberto Blanco Torres tamén asasinado no trinta e seis, Rafael Dieste, etcétera, participaron desta idea contraditoria de Víctor Casas.
A contradición está en que non é posible fundar o nacionalismo no marxismo e ó mesmo tempo no pobo galego, porque non é marxista. Pois segundo a historia, non se pode implantar o marxismo pola vía democrática en ningunha sociedade moderna, senón polas armas. E nas que se impuxo por elas, liberáronse del en canto puideron.
Aqueles galeguistas crían de boa fe que o marxismo podía ser beneficioso para Galicia, e poñían nel a súa esperanza por tratarse dun sistema político novo con moi boa sona. Pero coñecidos co paso dos anos a ruína e o sufrimento físico e moral por el producido a millóns de persoas de todo o mundo, non se comprende ben que perseveren no mesmo erro daqueles recordados galeguistas os principais guieiros do actual nacionalismo galego, integrado por varias formacións políticas de orientación marxista e pola socialdemócrata Más Galiza, aglutinadas desde 1982 no BNG (Bloque Nacionalista Galego).
A pesar da dita contradición, moitos galegos de a pé que sentimos o galeguismo de verdade viñemos votando o BNG, sen sermos marxistas. Porque os outros dous partidos con representación no Parlamento galego, PSOE e PP, poñen constantemente o españolismo por diante do galeguismo, e carecen de obras galeguistas que nos enchan o ollo.
A opción electoral que viñemos votando é tan lexítima coma a destes outros dous partidos. E, polo tanto, digna do mesmo respecto. Dito doutra maneira, dentro do marco legal establecido, o BNG ten todo o dereito a ser marxista, e a seguir sostendo a política que lle pete en materia de autogoberno, lingüística, cultural, educativa, económica, etc. Pero, por actuar nun espazo público e percibir fondos do fisco, está suxeito á crítica do pobo coma os demais partidos.
E a primeira crítica que como vello votante del nos merece a estas alturas da democracia é por levar trinta anos co mesmo proxecto político fracasado, sen ofrecer novas solucións para os problemas de Galicia. Pois na súa axitada e recente XIII Asemblea Nacional apostou polo proxecto de sempre sen adaptalo á realidade do pobo, provocando a disensión de varios reformistas, que o abandonaron. De maneira que este partido limítase a sobrevivir gozando das pequenas cotas de poder obtidas cos votos de moitos galeguistas de verdade coma o noso, o que nos produce unha gran dor moral e un profundo desánimo para seguilo votando. De aí, as nosas doídas queixas.
Non se comprende a renuncia do BNG a aumentar a súa cota de poder político, para poder chegar a converterse nunha alternativa real da dereita españolista que nos goberna. Pois o poder é un medio indispensable para a realización da política, e as ansias por obtelo son unha das principais forzas que a impulsan. Pero este partido non parece ter ganas de obtelo. Se as tivese, trataría de abrirse á sociedade para conseguir máis votos. Por iso, a súa política resulta ser un verdadeiro despropósito para os galeguistas que o votamos.
Mentres non abandone o marxismo é moi difícil que este partido poida medrar, por máis que os seus dirixentes critiquen con fundamento e insistencia as políticas da dereita no poder, pola sencilla razón de que o pobo galego non acepta o marxismo como alternativa da dereita. Porque desde o comezo dos anos sesenta do século pasado veu retornar miles de galegos repatriados de Cuba, vítimas do Réxime comunista imposto por Fidel Castro, vestidos de branco cunha chaquetiña e pantalóns bombachos que non abrigaban nada, cunha pajilla na cabeza e unhas zapatillas de esparto nos pés. E sen equipaxe nin reloxo de pulseira, por quitárllelo os gardas da man ó velos subir para o avión pagado polo Goberno español. Por iso cremos que o pobo galego lle veu negando o seu apoio maioritario nas urnas ó BNG. Porque a maioría dos galegos que votan saben que o nacionalismo que lle convén a Galicia debe basearse só na realidade do pobo.
Na realidade do pobo é como o PNV no País vasco, e CIU en Cataluña, fundaron os seus nacionalismos. E a pesar de non ser partidos marxistas senón de centrodereita, teñen grandes dificultades para realizar os seus proxectos políticos debido á forte oposición do nacionalismo español, que desde o comezo do franquismo vén sendo aínda máis combativo cos nacionalismos marxistas. Estes dous partidos son os que engrandeceron o País Vasco e Cataluña. En cambio, nestas dúas nacionalidades, os partidos marxistas só son testemuñais.
Galicia non é tan diferente do País vasco e de Cataluña como ás veces algúns líderes do nacionalismo galego tratan de nos facer ver para xustificar as súas teses marxistas, porque os diferentes son eles. Pois non hai dúbida de que os galegos, tanto os que votamos o BNG coma os que votan outras opcións políticas, amamos tanto a nosa terra coma os vascos e os cataláns a súa. E se un lle fala á xente do común galego deformándolle a súa lingua milenaria dicindo, por exemplo, Galiza, posíbel ou con outras palabras que o identifiquen co nacionalismo do BNG, bótanselle para tras coma se fose un becho raro doutro país, como faría un vasco ou un catalán se lle fan o mesmo coa deles. Se un lle fala de cambiar as crenzas, tradicións ou costumes, tórcelle a cara coma os cataláns. Se lle defende o comunismo, dinlle que para vivir mellor vaia para onda Fidel Castro. Se lle bota contra os curas ou a relixión, tómano por un xurafás como se estivese no País vasco ou en Cataluña. Se lle vai co lerio da prédica do laicismo en nome do Estado, dinlle que de Estado xa están fartos. Se lle predica o lusismo por ser bo para os negocios dalgúns, dinlle que prefiren o castelán ou o inglés. E se lle fala da independencia de Galicia, dinlle que está tolo, como lle dirían a maioría dos vascos e cataláns.
Non sabemos se na dita XIII Asemblea Nacional do BNG antes citada se discutiu desta parte da realidade do pobo galego ou doutras, porque non trancendeu o contido dela. O que si sabemos é que a política para ser democrática debe reflectir a realidade do pobo, e non unha alternativa dela sacada dalgunha ideoloxía por moi fermosa, consistente e respectable que sexa, como o é a marxista.
Polo tanto, se o BNG segue antepoñendo o marxismo ó galeguismo en vez de adaptarse á realidade do pobo máis do que o vén facendo, é moi probable que fracase nas vindeiras eleccións autonómicas. E se volve a fracasar, quedaría reducido a un pequeno grupo encerrado na súa concha ideolóxica sen ningunha proxección política para mellorar Galicia, como lle convén á dereita para seguir comodamente no poder, co conseguinte desequilibrio negativo das forzas políticas. En tal caso, de moi pouco ou de nada valería para Galicia seguir dándolle o noso voto galeguista a este partido.