Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Nadal miúdo

RUTH FERNÁNDEZ  | 27.12.2012 
A- A+

 Esta maldita crise económica estanos a mergullar nun estado de amargura constante. É o tema ao que acudimos en cada conversa, sen ser capaces de fuxir dunhas consecuencias que se prolongarán no tempo máis alá do que se quere admitir. Os cidadáns de a pé somos conscientes da que se aveciña. Estamos a sufrir as decisións equivocadas na nosa propia pel… Moitos vemos mermado o noso soldo mes a mes. Agora ficamos sen cobrar a paga extra de Nadal. Pero iso non repercute en ninguna mellora, cada día hai máis paro, máis miseria humana, máis crise. Eu estaría encantada de poder colaborar dalgunha maneira. Se me levan recortando dous anos e vexo que non se dá ninguna mellora… síntome estafada. Roubada. Se agora me quitan a paga de Nadal e non beneficia esa medida a ninguén póñome en pé de guerra. Por que en troques de recortarnos sempre máis e máis aos mesmos non recortan noutros sectores? Por que non se reduce o número de políticos que están chuchando as arcas públicas? Por que non hai cartos para cubrir as xubilacións dos funcionarios e si hai recursos para manter a un 90% de políticos que talvez sobren? Por que non destinan a paga extra que non cobramos a comedores sociais, a dar os que non teñen nada? entón eu pasaría o Nadal en paz. Non o entendo, todo son incógnitas. Fágome máis e máis preguntas, coma Mourinho. Por que? Por que?

 

Este é un Nadal triste. As rúas non explotan en risos e balbordo como acontecía noutrora. Talvez antes tamén se poñía demasiado fincapé nos bens materiais, pero agora hai tantas familias pasándoo tan mal… que a ledicia do pasado foi substituída por unha corrente de bágoas que esvaran por rostros consumidos pola necesidade, pola preocupación, pola fame. Os típicos produtos de Nadal, a disposición do consumidor dende novembro, mércanse con moderación. Afastado queda o consumismo dos anos pasados. Talvez esta situación faga recapacitar e recuperar o valor que estas datas tiveron antano. Dámonos conta de que a situación problemática non se dá a miles de quilómetros da nosa casa, xa non só tratamos de ofrecer un gran de area a través de Unicef ou Cruz Vermella. A miseria, a necesidade… están a dous pasos da nosa porta, moi preto. Moitas persoas que antes vivían medianamente ben están a facer cola nos locais da cociña económica, agardando un cheque para comida…

 

COMPARTIR. Esa é a palabra máxica. Trátase de ofrecer algo de nós mesmos aos demais, axudar a quen necesita a nosa man amiga, a quen precisa un prato quente para afrontar a frialdade da alma. Talvez a esencia propia do Nadal estea en esquecer as pantagruélicas ceas e ofrecer aos nosos semellantes un paquete de sentimentos solidarios, colaborando nos bancos de alimento, deixando paquetes de legumes e comida non perecedeira. Trátase de compartir o que temos, mesmo de renunciar a compras superfluas, innecesarias, para facer que outras persoas vivan un chisco mellor nestas datas nas que so os acompaña o sufrimento. Lembremos que esa é a mellor forma de desmostrar amor: amar é compartir, como sempre digo. Esa é a esencia do Nadal, unha festa ben coñecida pola xente de Begonte. Lonxe das ilusións para cambiar de vida por un golpe de sorte que pode traer o azar a través do Gordo de Nadal, hai algo que se chama solidariedade. Son necesarios, si, pero precísase algo máis que cartos para sermos felices.

 

Practiquemos a empatía, poñámonos no punto de vista do outro. Lembro un proverbio hindú que di ‘so saberei como te sintes se son capaz de calzar os teus mocasíns e percorrer o deserto que ti percorriches’. So mudamos a existencia, o estrés do día a día, se dende o noso interior facemos o propósito de ser un chisco mellores có día anterior. Se renunciamos ás présas, se observamos o que pasa ao noso arredor, se nos volvemos un chisco máis humanos e damos algo de nós a quen necesita o noso apoio. Se viaxamos a Begonte, descubriremos o significado da palabra Nadal. Non nos fai falta ningún dicionario, nin o da Real Academia Galega. No exemplo do Belén electrónico de Begonte, cando exercemos de anfitrións, de profetas na nosa terra, e levamos aos amigos a descubrir ese máxico lugar, entendemos o espírito do Nadal que Charles Dickens quixo reflectir no seu clásico Cuento de Navidad.

 

En Begonte todo está artellado para asistir a un espectáculo sen igual, dándonos tamén unha clase de antropoloxía, aprendendo os oficios de vello, propios da Terra Cha que o poeta Manuel María tanto amaba. As figuras, movidas pola maxia dunha mecánica oculta, gardan o agarimo de quen tantos anos fixo posible o milagre do Belén e que todos lembramos. O seu espírito está presente en cada pase, mentres escoitamos as panxoliñas de Nadal neste lugar simbólico de Lugo: Begonte, o lugar onde sempre é Nadal.

 

Imaxinemos a clásica estampa de Nadal: todo branco fóra, vendo caer as folerpas de neve a través da fiestra, dentro da casa calor humano e a mellor calefacción. Os mellores manxares. E moitos agasallos. ¿É este o verdadeiro Nadal? Non se no resto dos fogares se sinte o sufrimento, se hai familias que non posúen alimentos cos que combater a dor causada pola fame, miles de nenos que non teñen un só xoguete para fuxir da realidade e debuxar un sorriso nos seus beizos. Que a visita ao Belén nos asolague de bos propósitos para o 2013, tomando como bandeira o amor.

Ruth Fernández


Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS