Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 21.01.2020 Actualizado 21:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Natalidade, desigualdade, emigración e soberanía

MANUEL MERA  | 19.12.2019 
A- A+

O recuar demográfico máis unha vez (seica) volve ser unha prioridade da Xunta de Galiza, nesta ocasión para o período 2020-2030, e con ese obxectivo reuniu a tres centos expertos. Non dubido que dada a contía haberá unha morea de ideas, non poucas delas acertadas. Agora ben, se temos en consideración os antecedentes e que este grave problema hai anos que está sobre a mesa, e que dende a Xunta téñense tomado medidas que no seu día foron presentadas como eficaces e non deron ningún resultado ¿por que neste ocasión ía ser distinto?

No ano 2018 practicamente as defuncións na Galiza dobraron aos nacementos, 32.402 e 16.563 respectivamente. No ano 2009, cando asumiu o goberno Núñez Feijóo foron 30.180 defuncións e 22.537 nacementos. É dicir xa existía un saldo negativo, porén nunha década de mandato do PP a tendencia consolidouse e aumentou dramaticamente. É verdade que en boa medida afectou a crise, mais esta pasou e a dinámica regresiva non se modificou. Non será por que o problema nace dun sistema cada vez máis depredador no ecolóxico e no reparto do traballo da riqueza producida?

A escusa de que as familias non teñen descendencia, ou téñena máis tarde, por motivos profesionais ou doutro tipo, é sen dúbida unha das razóns, porén hai décadas que é así. En resumo, o problema é cada vez máis grave, e todo son divagacións, que pase o tempo, e non se entra no fondo da cuestión, porque afecta os intereses das clases dominantes, e de todos/as aqueles que tiran beneficios das políticas económicas e sociais imperantes.

A cuestión de fundo é a alta taxa de desemprego, a precariedade laboral e os baixos salarios, que afectan moi especialmente á mocidade, limitando as posibilidades de formar parella, ter casa, e tomar a decisión (nada fácil) de criar fillas e fillos. Un contexto que ademais empurra a un sector moi grande da xuventude á emigración. Neste último caso perdese capital humano, que custa formar, e que lle sairá gratis ao país receptor, onde contribuirá a construír riqueza... e pode que unha familia. Tampouco se pode esquecer a rotación cada vez máis estrema dos contratos temporais, os falsos autónomos, as xornadas laborais extenuantes, a maioría delas polas que non se pagan nen se cotiza.

Están postas todas as condicións para que evolución da poboación sexa negativa, daquela que se faga tanta énfase na inmigración. Trátase de conseguir de balde man de obra barata e consumidores. Reproducindo coa nosa periferia ou que nos padecemos respecto dos países centrais do sistema. Daquela que moitas posturas respecto deste colectivo pouco teñen que ver coa solidariedade, é pura cobiza, procurase aumentar a taxa de beneficio cunha maior explotación (a inmigración ten a taxa máis alta de pobreza).

Á expulsión dunha parte da mocidade, co que isto implica de fuga de capitais, hai que sumar a deslocalización empresarial e de investimentos no exterior, seica co obxectivo de internacionalizar ás empresas “para ser máis competitivas nun mundo globalizado” (mesmo con axudas públicas). Creamos traballo fóra con capital galego, agrandando o saldo negativo no país. En concreto entre 2005-2015 o investimento exterior foi de 10.326 millóns (o 2,6% do EE), e a chegada de capitais foi de 1.682 millóns (un 0,8% do EE). Ao que hai que sumar as saídas e entradas de capitais co resto do Estado, nas que a tendencia semella ser a mesma. Este papel subalterno tamén se evidencia por mor de que moitas das principais empresas galegas, as máis dinámicas, son mercadas por corporacións foráneas ou fundos de capital.

O carácter dependente de Galiza dáse a uns niveis moi superiores aos doutras nacionalidades periféricas do Estado español. Para os que relativizan esta lousa, mais que non poden negar a alta taxa de desemprego (malia a alta emigración e caída demográfica) habería que lles lembrar que se houbese vontade política existirían alternativas concretas hai tempo para evitar as consecuencias sobre o emprego do peche das centrais térmicas, para solucionar a situación das electro-intensivas, e a crise nos estaleiros. Consideraríase acto delitivo a reiteración do roubo de horas extras e das cotizacións, impediríanse os contratos temporais cando non son por causas excepcionais. Eliminaríanse dunha vez as reformas laborais, a Lei Mordaza, o artigo 315.3 do Código Penal, regularíase de urxencia a contratación dixital, aumentaríase o salario mínimo aos 1.200 euros en catorce pagas.

Só algunhas destas cuestións foron promesas do PSOE e Podemos, mais por exemplo, a esta altura xa se fala de eliminar só algúns dos aspectos da reforma laboral (a ultra-actividade) e redactar un novo Estatuto do Traballadores/as. Ou sexa, a parte fundamental do texto elativo ás condicións laborais fica conxelado por varios anos, nos que a patronal seguirá a acumular beneficios extras a costa da clase traballadora. É verdade que existe un mal maior, porque a dereita segue na súa teima de facer máis duras as condicións laborais e privatizar servizos e reducir prestacións públicas, porén non serve de xustificación.

Non se pode obviar a interdependencia entre as condicións laborais e sociais e o grao de soberanía. Daquela que Alemaña teña un PIB/persoa dos máis altos da UE, e que no Estado español sexa en Madrid onde se consigue a maior renda por persoa (na Galiza só chega ao 63,5%). O comportamento demográfico é unha expresión máis desta realidade, poderiamos dicir outro tanto da cuestión lingüística. A centralización e concentración do capital e do poder págase máis caros cando se é dependente e se asume un papel subalterno. O primeiro paso para frear e reverter esta tendencia é ter forzas propias maioritarias. Exemplos neste aspecto hainos, e non están tan lonxe.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS