Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
No contexto social e económico actual, continúan predominando as dictaduras disfrazadas de mil maneiras e sutilezas. Mais cada vez a confusión é menor nas masas populares, que son as que soportan o oprobio da desigualdade e da marxinación. A loita de clases volve á conciencia das persoas que sufren a devastadora opulencia dos monopolios opresores. O mundo actual xa non é interpretado desde unha visión clásica do proletariado como motor de cambios. Hoxe toma vixencia a famosa frase de Marx: “O mundo non hai que interpretalo, hai que cambialo”. E isto, mais que un lema retórico, convértese nun código de rebelión que marca os tempos e os espacios que a nosa ampla comunidade de víctimas está trazando para demoler murallas e bastillas opresoras.
Esa rebelión de masas que tanto pavor lle tiña Ortega y Gasett, connota varias orientacións que están en marcha por medio de certeiros movementos de persoas específicas e marxinadas polos poderes capitalistas, cunha capacidade intelectual suficiente para dar alternativas e suplantar un sistema opresor. O 15 M é un deles, o mais próximo a regular unhas estructuras sociais de cambio a tódolos niveis.
Non se pode negar esa rebelión en marcha que comeza a dar os primeiros froitos nas protestas e nunha maior concienciación sobre o que está acontecendo no mundo e, en particular, no Estado español coas agresivas fórmulas que o goberno do PP xa ten definido e mostrado en favor de quen goberna e cales son as víctimas de seu desgoberno. E nesta situación, a maioría da sociedade está optando por unha rebelión silenciosa contra a mentira e contra a opresión. Unha rebelión que vai coller cada vez mais corpo, en función de como se aceleren os acontecementos provocados polos decretos que contra as clases mais humildes está acelerando o desgoberno de Rajoy.
Sobre este escenario, no libro: “O home rebelde”, de Albert Camus, anúnciase: “A rebelión non nace soamente, e forzosamente, no oprimido, senón que pode nacer tamén ante o espectáculo da opresión do que outro é víctima”. Prosigue Camus: “Na rebelión o home supera a seus semellantes, e, desde este punto de vista, a solidariedade humana é metafísica. Simplemente, non se trata polo momento senón de esa especie de solidariedade que nace das cadeas”.
Estamos ante unha metafísica da redención que manifesta seus primeiros albores; dunha nova e inalterábel fase de romper as cadeas opresores e dar respiros ás emerxencias dunha desobediencia civil que cada vez se proclama e se articula non con superadas filosofías senón cunha activa metafísica xurdida do movemento popular sen as liturxias de tempos pasados.
E nesa metafísica da rebeldía, Albert Camus conclúe: “A liberdade de feito non ten prosperado proporcionalmente á conciencia que o home adquiriu dela. Desta observación non se pode deducir senón isto: a rebelión é o acto do home informado que posúe a conciencia de seus dereitos”.
