Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 21:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Neutralidade e violencia

JOAQUIM VENTURA  | 04.09.2018 
A- A+

A agresión a un cámara de TeleMadrid na concentración convocada hai uns días por Ciudadanos comeza a deixar en evidencia quen non exerce a neutralidade e asemade leva consigo un maior potencial de violencia. Concentración convocada para protestar pola suposta agresión a unha muller que estaba a retirar lazos amarelos da reixa do Parque da Ciutadella, en Barcelona.

A esta situación non chegamos por casualidade. Dunha banda, temos os excesos dos independentistas á hora de ocupar o espazo público cunha reivindicación permanente a prol dos políticos presos. Unha ocupación feita en nome da liberdade de expresión pero que debería ter os seus límites: no ámbito privado-público (unha fiestra, un balcón) cada quen pode exhibir o que lle pete pero o espazo público (as rúas, os edificios institucionais) non pode ser ocupado de maneira permanente por unha reivindicación de parte, por lexítima que se considere por parte de quen a fai.

A persistencia dos lazos amarelos (e da súa ampliación a cruces da mesma cor en praias e prazas ao longo deste verán) non deixa de ser un acto voluntarioso que, coa escusa de lembrar os presos encarcerados, pretende disimular as profundas discrepancias entre os sectores políticos do independentismo: dunha banda, ERC –que aposta pola vía pragmática- e doutra, o novo PDeCat-Crida Nacional, de Carles Puigdemont, que conta co apoio da ANC. Os lazos amarelos serían, daquela, o símbolo dese falso unitarismo dos partidos que animaron o “procés”.

Contra a presenza deses lazos están a clamar de hai tempo has forzas autochamadas constitucionalistas porque, na súa opinión, ocupan o espazo común. Avogan, daquela, pola neutralidade de rúas e prazas, unha vindicación que executan retirando (as máis das veces coa cara cuberta) canto símbolo amarelo atopen. Non exercen a súa liberdade de expresión senón que negan a allea (por excesiva que poida ser).

E nun destes enfrontamentos entre “laceiros” e “contralaceiros”, como foi o sucedido o pasado sábado 25 no parque da Ciutadella, houbo golpes e lesións: segundo a vítima, por razóns de ideoloxía e de odio; segundo o agresor –que non nega o golpe dado- porque a primeira estaba a ensuciar o chan cos restos dos lazos. E foi en defensa da muller agredida que Ciudadanos convocou unha concentración o pasado mércores no mesmo lugar.

Pero, polo visto, o partido que lidera Albert Rivera non sabe controlar actos deste tipo ou, o que sería peor, deixa que calquera poida participar malia que exhiba bandeiras ou pancartas de extrema dereita. Uns participantes que lonxe de limitar a súa protesta (lexítima) contra unha suposta agresión amosaron un nivel de intolerancia que resulta máis que preocupante. Lonxe de calquera neutralidade. Non había bandeiras catalás “autonomistas” e era inútil procurar unhas palabras en catalán: o castelán dominaba en exclusiva, co cal cabería preguntarse que é iso do bilingüismo.

Engadamos a presenza dalgunha bandeira cos símbolos oficiais do Corpo Nacional de Policía. ¿Neutralidade? ¿Pódese exhibir impunemente nunha concentración partidista a bandeira dunha institución pública que se supón que é de todos? En tal situación non resulta estraño que alguén, preso da histeria, trabucase unha fita amarela nunha cámara de televisión cun sinal independentista. E despois que unha muller lle berrase ao portador da cámara “Non me toques!!! Non me toques!!! (en castelán, naturalmente) dixese que o xornalista era de TV3, a televisión autonómica catalá, e seguido diversas persoas fosen contra el. Resultou ser un cámara de TeleMadrid pero o asunto deixou en evidencia que algúns manifestantes eran contrarios á prensa (“inimiga”) ata o punto de vulnerar gravemente o dereito de informar.

Ciudadanos está a xogar con lume por gañar ou manter un puñado de votos e para iso aumentou a tensión nos últimos días. Agora o obxectivo son os lazos amarelos, esquecendo que son o primeiro partido no parlamento catalán e que foron incapaces (expresamente) de tentar unha alternativa ao independentismo. Un aumento da tensión (Rivera e Arrimadas retirando lazos en Alella) que tamén serviu para dar cobertura ao vandalismo de certo xornalista (arrogante como poucos) que foi descuberto in fraganti días atrás pintando cun aerosol vermello un lazo amarelo nunha rotonda de l’Ametlla de Mar.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS