Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 28.06.2017 Actualizado 20:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Nin todos os odios nin todas as vítimas

XOSÉ A. GACIÑO  | 11.04.2017 
A- A+

Realmente, en comparación co que lle pode pasar aos que intentan facer xornalismo de denuncia e exercer o seu dereito á liberdade de expresión en países como Rusia, Turquía, México, Irán ou Arabia Saudí –por citar algúns dos moitos que amordazan aos seus cidadáns, desde o poder político ou desde as mafias supostamente incontroladas–, pode parecer unha nimiedade o que está a pasar en España con esta onda de enaltecemento do terrorismo que está a inundar os tribunais. 

Un ou dous anos de prisión ou algúns anos máis de inhabilitación, por chistes que se entenden que poden humillar ás vítimas do terrorismo, apenas son nada fronte a penas de morte ou de dez anos de cárcere e mil lategazos, como se produciron hai dous anos en Irán e Arabia Saudí, respectivamente, a blogueiros que abriron foros de debate sobre a relixión: ao blogueiro iraní condenado a morte acusárono de insultar en facebook a Mahoma, unha pena tan evidentemente desproporcionada –por máis que se trate alí dun personaxe histórico moito máis importante que Carrero Blanco aquí– que rematou conmutada polo castigo de lerse trece libros relixiosos e de cursar dous anos de estudos teolóxicos.

De todas maneiras, e aínda que o furor inquisitorial desatado agora en España, ao amparo do artigo 578 do Código Penal (cuxa redacción actual é do 1995, baixo un goberno socialista, por certo), non chegue aos niveis do fundamentalismo islámico, non deixa de ser chocante que, xusto despois do cese dos crimes terroristas de ETA, teñan medrado espectacularmente os casos de enaltecemento do terrorismo que pasan polos tribunais, a maior parte por mensaxes difundidas nas redes sociais (e que, na súa inmensa maioría, conseguiron multiplicar amplamente a súa difusión precisamente pola denuncia e pola condena). A progresión é de dúas persoas condenadas no 2011 (o ano no que ETA anunciou que deixaba de matar) a cerca de trinta no 2015 e de máis de trinta no 2016. E seis persoas condenadas no que vai do 2017. De todos eses condenados, só cinco o foron por enaltecer o terrorismo yihadista, que este si que mantén a súa actividade criminal.

Como se, á falta de perseguir terroristas de verdade, o importante dispositivo policial que logrou derrotar a ETA tivese que conformarse agora con perseguir a tuiteiros, rapeiros, cantantes, humoristas, titiriteiros e similares, que, nos seus exercicios de transgresións, rebordan os límites do antiterroristamente correcto. Entre ese laborioso traballo de rastreo informático polas redes sociais con ampla marxe retrospectiva (ás veces detectan tuits escritos catro ou cinco anos antes, e dos que só se decataran algúns amigos do enaltecedor terrorista ate que o “community manager” de quenda os descubriu e apareceron en todos os telexornais) e o verdadeiro traballo de investigación e represión das actividades do terrorismo yihadista –no que as forzas de seguridade do Estado manteñen un alto nivel–, parece que xa non lles queda dispositivo, por exemplo, para controlar posíbeis delitos de incitación ao odio e ameazas de morte contra os “rojos de mierda” ou de humillación ás vítimas do 11-M.

Pode que se esaxere cando se di que a liberdade de expresión está en perigo en España, sobre todo se o comparamos con tantos países que viven en réximes ditatoriais ou en sistemas democráticos seriamente avariados. Pero non se pode negar que, a ese nivel de saturar os tribunais con supostos delitos de dubidosa definición e limitada repercusión social, non sei se como consecuencia dunha lexislación escorada ou da súa interpretación aínda máis escorada, parece que nin todos os odios reciben o mesmo tratamento nin todas as vítimas son igualmente protexidas contra a humillación.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS