Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ECOS DA BERENGUELA

No bicentenario de Nicomedes Pastor Díaz

XOSÉ LOIS GARCÍA  | 20.09.2011 
A- A+

O pasado día 15 de setembro cumpriuse o bicentenario de Nicomedes Pastor Díaz Corbelle (Viveiro, 1811-Madrid, 1863). Para moitos foi un poeta de circunstancias e dentro do romanticismo. Con data do 11 de maio de 1828, escribiu a súa famosa “Alborada”, que para moitos foi a primeira expresión poética galega precursora do Rexurdimento que se concreta e consolida con Rosalía, Curros e Pondal. Esta súa alborada ten ese primordio de cantar no idioma galego e nomear as paisaxes viveirenses por onde o río Landro as cruza.


Pastor Díaz, un poeta ocasional, con mais rexistros en castelán que en galego. Tal vez a súa admiración e requirimento que lle veu pola súa potestade política que, dende o seu primeiro paso polo seminario de Mondoñedo e pola Universidade de Santiago, Madrid foi a norma de verse como esclarecido liberal isabelino, obtendo varios cargos políticos até chegar a ministro con O’Donnell en 1856. Se revisamos a historia do compromiso político dos poetas galegos que exerceron desde a Real Corte de Madrid, fixeron a real gana menos ocuparse da paupérrima Galiza.


Mais en Pastor Díaz hai unha égloga moi axeitada para os tempos políticos que corrían, naqueles litixios entre cristinos-isabelinos contra carlistas. O poema famoso –en certos ámbitos- e non moi coñecido nos que mais se tiña que interesar e transcender, foi o titulado: “Égloga. Belmiro e Benigno”. Un longuísimo poema dialogado entre dous persoeiros que respiran ambientes políticos aparellados con sons bucólicos.


Pastor Díaz é unha referencia menor na poesía galega do século XIX. Pode que a súa notoriedade política levase a ascender a súa poesía a galácticos apousentos que noutras circunstancias non tería. Así é como entendemos que Viveiro, o seu pobo natal, o teña dimensionado dunha maneira perceptíbel e clara, que se da cando os políticos transcenden na vida pública e seus epígonos fan posible homenaxes e outras proxeccións que deixan no esquecemento ao poeta. Viveiro cultiva a Pastor Díaz nun erguido e estático monumento na maior praza da cidade; nunha fermosa avenida onde seu nome está presente; o seu nome campa no frontal do Teatro Pastor Días e se corpo repousa nun rigoroso túmulo funerario na igrexa de San Francisco.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS