Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 16.09.2019 Actualizado 18:18
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Non chega con que baixe o paro

MANUEL MERA  | 13.08.2019 
A- A+

Moitos medios destacan hai uns días que o noso país lidera a caída do desemprego no Estado español (EE). Ou sexa, que somos unha locomotora, se ollamos este dato illado do contexto, ou sexa, sen termos en conta a xeración de emprego, o proceso migratorio, e moi especialmente o comportamento demográfico. Se contextualizamos resulta evidente que algo non casa. Por exemplo se temos en consideración a caída da natalidade o saldo da chamada “mobilidade laboral” do EE, vemos que é totalmente negativa para Galiza. Concretamente, segundo o último informe saíron 32.718 traballadores e traballadoras máis das que entraron. Polo tanto, a caída do paro en 12.491 persoas en termos anuais respecto de xullo deste ano, sendo un dado cuantitativo positivo, non aporta ningún cambio cualitativo, xa que seguimos a ser un país exportador de man de obra.

Se fixésemos caso as análises simplistas, Madrid, que baixa o desemprego neste período en só 14.193 persoas estaría a crecer menos da metade do que Galiza, cando é o destino da maioría da emigración laboral galega, tanto temporal como a permanente. Por esta razón cando se consulta a EPA neste tempo a ocupación medrou no noso país en 23 mil persoas e en Madrid en 115 mil. Non é precisamente unha diferenza pequena, xa que a capital do Estado multiplica por cinco nosas “marabillosas” cifras, malia a teimosa fidelidade da Xunta coas decisións de Madrid e Bruxelas. Teñamos en consideración que a poboación de Madrid é 2,4 veces maior. Polo que multiplicou por dous a porcentaxe de emprego xerado respecto da Galiza. E todo isto malia que está no centro dunha meseta e a centos de quilómetros da costa, que sempre aporta unha riqueza extra ao país que a posúe, máxime cando é da extensión da galega.

Datos como o paro, a creación de emprego, a taxa de emigración, a tendencia demográfica non se poden analizar illadamente, hai que relacionalos e valoralos tanto cuantitativamente como cualitativamente entre si e con outros parámetros, ter en conta a tendencia e comparalos cos dos territorios da contorna político-xeográfica. Do que non hai dúbidas é que somos exportadores de man de obra cualificada, co que isto implica en termos de fuga de capital. Por se non abondase hai que lle engadir a exportación de aforros e a deslocalización empresarial. Neste último caso alentada e subvencionada pola Xunta, coa escusa de que volverá potenciando á nosa economía. Non é así, e pura fantasía. Entre o ano 2005 e 2015 deslocalizouse capital galego para fóra do Estado español por valor de 10.326 millóns de euros e entro por unha contía de 1.682 millóns, ou sexa, un desastre. Esta tendencia negativa tamén se mantén co resto do Estado español. Un comentario, con Portugal os resultados son positivos para o noso país, tanto en troque de bens como no balanzo de capitais.

Polo tanto ten unha lóxica, a emigración da mocidade, os baixos salarios, a temporalidade, e a alta taxa de desemprego, que reducen a natalidade e crean unha crise demográfica, que se substitúe mediante a inmigración con condicións laborais aínda máis degradadas, e que mantén en dúas cifras a taxa de paro, ou  sexa, da man de obra de reserva. Para dar máis folgos a esta tendencia regresiva, sumóuselle a reforma laboral e das pensións, a privatización e redución dos servizos sociais básicos, unha maior presión fiscal sobre os salarios e o consumo, e como mecanismos para manter a disciplina social a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do CP, así como unha unha información masiva e alienante. Esta é a realidade.

O sistema económico-social actual está caduco. Non só porque estraga o planeta e sitúanos cada día diante do abismo da guerra nuclear, senón porque ademais alenta a cobiza, dando folgos a todo tipo de opresión e explotación, desigualdade e precariedade, á criminalidade e especulación. Non é verdade que non haxa medios para atender as pensións, a dependencia, os servizos públicos ¡nunca se produciu tanto! A cuestión é que traballo e riqueza están mal repartidos, e o capital paga poucos ou ningún imposto, e mesmo acapara subvencións públicas, daquela a crise demográfica malia que estatisticamente suba o PIB.

Manuel Mera

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS