Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.12.2017 Actualizado 20:02
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Non hai máis cera que a que queima

JOAQUIM VENTURA  | 17.05.2017 
A- A+

En Francia xa temos novo presidente e novo primeiro ministro. Semanas de cábalas e quinielas ante a perspectiva de Marine Le Pen no pazo do Elíseo que uns evitaron convencidos e outros cunha pinza no nariz. Un resultado, o da vitoria de Macron, que deixou aliviados aos mercados e aos máis dos europeístas pero que non pode agochar a crise social que Francia está a vivir.

Non son horas de lamentos cando este país vai con retraso en canto os sacrificios que impuxo o austericidio resultante do exceso de superávit comercial alemán e das alegrías (legais ou non) das elites que aproveitaron a globalización para enriquecerse máis.

E se observamos no mapa de Francia a división entre os votantes de Macron e de Le Pen na primeira volta –cando o voto era puro e non condicionado-, veremos que o resultado responde ao castigo sufrido tras o impacto da pauperización de certas zonas do país. Cando repasaba o mapa lembraba a noticia que hai pouco máis de vinte anos daba Le Peuple Bretón, o boletín mensual da Unión Democrática Bretoa (noticia que adaptou pouco despois A Nosa Terra). Daquela, cando a integración da antiga RDA aínda non impactara no conxunto alemán, podíamos ver as zonas de hexemonía industrial e financeira en Europa. Quedaba patente nunha franxa diagonal que ía, de esquerda á dereita e de norte a sur, nun eixe Londres-París-Milán e a un lado o Benelux e boa parte de Alemaña, e ao outro a Francia central e mediterránea e o norte de Italia.

Actualmente, Picardía-Paso de Calais é, probablemente, a rexión máis pobre de Francia, perdidos o carbón e as fundicións e sen alternativa na industria turística. E de maneira semellante, as rexións do Ródano e do sur mediterráneo ficaron lonxe da concentración do capitalismo financeiro e son máis “midi” ca nunca. E alí atopou sacos de votos Marine Le Pen, incluídos moitos de base obreira.

Esta última circunstancia resulta paradoxal para certos comentaristas, que esquecen a condición “nacional” dos sindicatos galos, de maneira que canto máis cosmopolita (global) é o capital, máis franceses se senten os traballadores. Porque mentres que en España a deslocalización afectou a un tecido industrial feble (excepción feita do téxtil), son moitos os sectores básicos que están a desaparecer en Francia. Porque o problema de trasladar a produción a outros países non é a migración fabril senón que os propietarios –os mesmos que sempre están a dar leccións de democracia liberal e patriotismo- pasan a producir esquecendo o máis elemental respecto polas condicións laborais e humanas dos traballadores chineses, bengalís, indonesios ou camboxanos: producen infinitamente máis barato pero venden tan caro como sempre.

E quen bendice tal modelo ten as de perder, comezando polos socialistas. Pero, polo de agora, os feitos son como son e mentres non se poda inverter o vector, teremos que aturar coas consecuencias, entre elas que en Francia haxa indignados repartidos entre un populismo de dereitas e outro de esquerdas mentres a opción socialdemócrata está en saldo e liquidación por peche.

Con todo, sorprende que certos comentaristas rexeiten ao novo presidente a súa condición de membro da elite e de banqueiro. E daquela, que dirían de Fillon, dereitista orleanista (é dicir, católico e non republicano laico) e nepotista en exercicio? Porque, ao cabo, Emmanuel Macron é inspector de finanzas, é dicir alto funcionario, e apenas traballou tres anos para un banco. De momento, poucos peros se lle poden poñer e no seu haber xa conta con ter investigado eventuais antecedentes dos candidatos a ministro e facer un goberno paritario. Que o novo primeiro ministro, Édouard Philippe é conservador? Pois claro, se o primeiro obxectivo de Macron e conter á dereita. Acaso pensaban que chamaría a Alain Krivine, o eterno trotskista?

Macron ofréceme unha marxe de confianza. No persoal, porque é de admirar alguén capaz de rachar cos convencionalismos sociais de parella, e no político, porque non hai máis cera que a que queima dentro do razoablemente presentable.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS