Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Luns 20.05.2013  | Actualizado 18.10

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

CALIDOSCOPIO

Non hai volta ao pasado

MANUEL MERA  | 02.05.2012 
A- A+

Segundo as últimas estatísticas, en 83.000 familias ningún membro traballa e en 25.000 todos carecen de ingresos. Unha cifra altísima que amosa a gravidade do reaxuste que se está a impor desde as clases dominantes, sen ningunha consideración humanitaria ou de sustentabilidade económica. Só prima a cobiza dos poderosos ou daqueles que arelan selo. Non se poden botar balóns fora desde o Goberno central, como se carecese de capacidade para evitar esta desfeita, cando ten todos os mecanismos políticos na man para mudar o rumbo. É verdade que se tería que enfrontar ás clases dominantes da Unión Europea e do Estado español, porén sería para favorecer ás maiorías sociais e abrir expectativas de futuro. Fai falla vontade política, coherencia, e converter as boas palabras en feitos que se correspondan con elas.


O noso país é dos que máis sofren este reaxuste na Unión Europea, tal como amosa a perda de poboación e o medre do desemprego. Cómpre sumar ambos conceitos, porque a enxurrada emigratoria resta (aparentemente) vítimas á traxedia do desemprego. Non temos unha porcentaxe máis baixa de paro que outras nacionalidades e autonomías, como reflicten as enquisas da EPA, senón que non se ten en consideración a emigración definitiva e temporal.


Asemade, non se pode ignorar, que temos unha taxa de crecemento natural da poboación negativa, xa que morre máis xente da que nace. É así, por mor da falta de traballo, que o que se ofrece está mal pago e con xornadas insoportábeis, por mor da emigración que afecta fundamentalmente á mocidade, e á pouca oferta de servizos e achegas públicas que fomenten a natalidade.


Por se non fose abondo, hai medios de comunicación que predican acotío as vantaxes da emigración, mediante todo tipo de reportaxes de persoas que acadaron o éxito en todos os recunchos do mundo. Fan o papel dos “enganches” da primeira metade do século pasado na emigración a América. Nunca se analizan as traxedias persoais, o que significa deixar atrás familia e amigos, e todos os atrancos que despois hai que vencer para conseguir un traballo digno en terra allea. É tan grande o cinismo que están dispostos a recoñecer no inmigrante unha vítima, que compre axudar, porén en troques converten aos emigrantes galegos en triunfadores polo só feito de selo. Tamén neste tema emprégase unha dobre vara de medir, e amosa que o racismo non só se aplica cos que veñen de fóra. A discriminación moitas veces é mais forte coa xente do país, aínda que, por secular, estea asumida dentro do que se entende por normalidade.


Diante desta situación a única saída favorábel ás clases populares só é posíbel rachando coa globalización neoliberal. Ou sexa, mudando radicalmente a Unión Europea, cun Banco Central distinto, con políticas expansivas que fomenten o aforro enerxético e medios alternativos de produción, dar pulo á agricultura familiar e achegada aos consumidores, redistribución da riqueza, nacionalización dos sectores estratéxicos (banca, enerxía, comunicacións, etc.). Algo que non parece posíbel sen primeiro rachar cos piares que sustentan unha estrutura que é funcional ás clases dominantes, tanto, que reduciron a ampla contestación social e política aos suburbios da institucionalidade, e mesmo están dispostas a medidas neofascistas para esmagar toda protesta.


Non hai ningunha posibilidade de voltar ao pasado, porque un mundo así xa non é posíbel, tanto por motivos demográficos, como ecolóxicos, polo esgotamento de enerxías fósiles e de certos minerais. O que construamos no futuro non ten porque ser peor, nen menos confortábel, será distinto e sobre todo sustentábel. A maioría da humanidade son pequenos países, as veces sen estado propio, hoxe marxinados, colonizados. E, en todos, grandes e pequenos, son ampla maioría as clases subalternas, esmagadas pola cobiza dunha minoría agresiva (disfrazada de competitiva). Non existe unha saída progresista se non se teñen en consideración ambos feitos.


Manuel Mera









Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS