Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 19.12.2014  | Actualizado 19.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS
  • Imprimir
  • Enviar por correo

NOTICIAS COTIÁS

Non tiñamos que lembralo…

RUTH FERNÁNDEZ  | 30.03.2012 
A- A+

Hai días marcados a lume no calendario, que non tiñan que terse que lembrar. Están aí, pintados doutra cor, porque aínda é necesario falar deles… Así acontece co 8 de marzo, día da MULLER, xa celebrado en cada recuncho da nosa xeografía. Cada certo tempo a pequena pantalla danos diferentes testemuños arredor dun problema vixente: o da violencia de xénero. Dende cifras alarmantes nos informativos, con imaxes espeluznantes de corpos tapados por unha saba branca, ata traballos documentais, miniseries e filmes con temática vencellada á do maltrato que sofre a muller no mundo de hoxe.

Nesa viaxe pola memoria recordo a reportaxe gráfica titulada ‘Porque yo lo valgo’, cunha escolma de imaxes de arquivo sobre os distintos logros acadados pola muller en vinte e cinco anos. Lembro tamén a película No estás sola, Sara, protagonizada por Amaia Salamanca e Ricard Sales, dirixida por Carlos Sedes en colaboración co Instituto da Muller. No filme recóllese, unha vez máis, o proceso que vive unha vítima da violencia machista dende a primeira vez que o seu noivo lle di que non volva poñer unha ‘minifalda’ que a ela lle gusta. Detrás veñen as ‘prohibicións’ sobre o feito de levar maquillaxe e a posibilidade de quedar con outras persoas amigas. Celos? Os celos non xustifican ese maltrato psicolóxico nun primeiro momento e logo maltrato físico, a través dos abusos sexuais e violacións que preceden ás palizas e ameazas de morte. Son situacións semellantes que se repiten na vida narrada polas vítimas de tal delito, non só na ficción, senón na triste realidade.

Como frear tamén o que acontece no filme protagonizado por Luís Tosar Te doy mis ojos? Disque por medo as vítimas non denuncian. Pero por amor? Poden sentir amor por alguén que as trata así? Non, amor non poden sentir. Deus nos colla confesados... Debe ser coma unha especie de adicción. Pero non podo entendelo. Non son capaz de admitilo. ‘Sacrificios de amor yo no los quiero, prefiero el cielo’ oín un día. E no amor si que hai sacrificios ás veces, como en todo. Pero non deste tipo, non tolerando ese abuso de poder que intentan impoñer os maltratadores. Así non. En Un burka por amor, baseado nunha historia real, vimos o tremendo sacrificio que chega a facer María (Olivia Molina) polo amor do seu home (Rafael Rojas), un afgano do que namora e co que casa, mudando o seu estilo de vida, a súa relixión e ficando illada no país de orixe do pai dos seus fillos, estando en guerra e pasando mil sufrimentos. Esta obra de Reyes Monforte levada ao cine amosa como podemos hipotecar a nosa vida cando cremos coñecer á persoa da nosa vida. Ás veces as historias rematan ben, noutras ocasións tendo que homeaxear a algunha vítima máis nos actos organizados pola Marcha Mundial das Mulleres en calquera cidade dunha xornada de novembro. Queda moito traballo por facer na loita contra o maltrato, moito para conseguir que non haxa máis historias crueis de tristes de mulleres acosadas e equivocadamente namoradas.

Ruth Fernández

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS