Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 16.08.2019 Actualizado 13:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

NOTICIAS COTIÁS

Noraboa, 'Caballero'

FOTO: R.F.
FOTO: R.F.

RUTH FERNÁNDEZ  | 10.12.2018 
A- A+

Este texto podería comezar como “Dende Vigo para o mundo”… Pois do que vou falar hoxe é da iluminación da cidade de Vigo para estas festas de Nadal. Dende esta páxina doulle a noraboa o alcalde da cidade olívica, o Sr. Abel Caballero. As luces da Nadal convertíronse xa no reclamo turístico en Vigo. Para o seu encendido había unha grande expectación, posto que o alcalde da urbe anunciara que ían estar á altura de New York. Difícil tarefa, pensariamos todos os que visitamos Manhattan e quedamos abraiados coa grandiosidade estadounidense. Pero o mandatario socialista traballou ben. Os comerciantes encantados, e os cidadáns divididos entre os partidarios do investimento e os detractores que alegan que para o Concello supón demasiado gasto. O certo é que a cidade está preciosa. Se un ten o ánimo baixo só ten que achegarse á cidade de Vigo e deixarse arrastrar pola marea de xente que sae á rúa estas tardes de decembro co gallo de ver as luces e facer compras para as próximas festas. Non hai depresión posible en Vigo. Os nove millóns de bombillas acenden o noso corazón de ilusión, asolagando a nosa alma de esperanza nun 2019 mellor. O fulgor desas luces borra os momentos tristes e regálanos un sorriso que reconforta a todos os que queremos. É a maxia do Nadal. Todo con bombillas LED e moita ilusión.

Pasear pola Porta do Sol, Príncipe, Urzáiz, subir pola Gran Vía ou achegarse ata a Praza de España… convírtese nun agasallo para os sentidos. Reconforta sentir que o espírito do Nadal volve a tocar as nosas fibras. O alcalde de Vigo conseguiuno, unha vez máis superando celebracións anteriores. Contemplouse a posibilidade de ofrecer un bus turístico para visitar os puntos máis iluminados da cidade, non só no centro, senón tamén en rúas máis afastadas e está tendo un enorme éxito. Eu aínda non subín. Pero non mo perderei por nada. O NadalBus está agardándome. A próxima semana farei algún dos seus percorridos. Será bo para o espírito. Polo de agora existían tres frecuencias (10:30, 19:30 e 20:30), pero as fins de semana (venres e sábado) semella que aumentaron os horarios, ofrecendo viaxes ás 22:00 e ás 23:00. Disque nos primeiros seis días de funcionamento o servizo contou con 1.858 usuarios. Incrible, non? As cifras son as que son… O Concello calcula que este pasado xoves en tan só catro horas pasaron máis de 65.000 persoas pola rúa do Príncipe. Unha auténtica loucura. Que nos enche de ledicia, todo hai que dicilo.

Primeiro parecía que Caballero estaba ameazando os alcaldes de París, Tokio, Londres ou Nueva York co que ía suceder en Vigo. Despois na xornada do acendido mesmo se atreveu co inglés e fixo todo o que estaba na súa man para conseguir que Vigo se vira dende Marte. Pouco tardaron en chegar distintas mensaxes a través das redes sociais onde non se falaba doutro asunto. Os 825.000 euros que custou iluminar 350 rúas xa se recuperaron, segundo o rexidor, quen afirmou que Vigo ingresara nunha semana esa cantidade. Compramos regalos, saímos a cear, tomamos algo nalgunha terraza (porque o tempo si acompaña) e deso se trata. Consumimos. A xente desprázase a Vigo para ver as luces, dende distintos lugares. Eu recoméndoo dende Galicia Hoxe. Ninguén quedará defraudado. A cidade loce espectacular. Agora só queda aprender os pasos do flashmob para o día 23 de decembro ás 19:00. O tema elixido é Don't Stop Me Now, de Queen. Bo Nadal, estimados lectores, e… a bailar! Desfrutade de Vigo nestas festas e perdoade a miña ausencia este tempo.

Ruth Fernández

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS