Hemeroteca web | RSS  RSS     Sábado 28.03.2020 Actualizado 20:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Noriega, disposto a "non estar nin nas listas" se iso facilita unha candidatura conxunta de esquerda rupturista

O dirixente de Anova di ter a sensación de que Unidas Podemos "prefire un peor resultado" a "arriscar" e sumar con eles

SANTIAGO. EP  | 17.02.2020 
A- A+

O responsable de relacións políticas de Anova, Martiño Noriega, asegurou non ter "ningún problema" con "non estar nin nas listas" das eleccións autonómicas do 5 de abril se iso facilitase unha candidatura conxunta de esquerda rupturista na que se reunisen tamén Podemos, Esquerda Unida (EU) e as mareas municipalistas.

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, recollida por Europa Press, o exalcalde de Santiago dixo ter a sensación de que Unidas Podemos "prefire obter un peor resultado" nas urnas coa súa "posición estratexicamente lexítima" en lugar de "arriscar, ser audaces e ter valentía".

Despois de que o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, insistise en que a plataforma Galicia en Común --na que se integran o partido morado e EU-- é o espazo desde o cal sumar, Noriega sinalou que isto "non atende á demanda cidadá", xa que se trata "dunha marca partidaria que ten a centralidade, pero que non o é todo".

"A unidade popular non só é o federalismo de Unidas Podemos, é tamén o soberanismo, tamén o municipalismo, todo o que deu razón de ser aos resultados que obtivemos", explicou, rememorando os éxitos das mareas locais do 2015 e a segunda praza alcanzada pola xa rota plataforma En Marea, que todo apunta a que se presentará en solitario.

Noriega aínda non descarta que esta semana haxa un acordo entre Anova, Podemos e EU, polo que manifestou que non perde "a esperanza" de que se dea "un cambio de posición" no partido morado. Así, cre que os de Pablo Iglesias "consideran que teñen a centralidade" do espectro rupturista e por iso impulsan "unha ocupación lexítima deses espazos compartidos".

"UNIR MULTIPLICA"
Neste contexto, advertiu que o cambio político na Xunta "non chegará unicamente coa melancolía do bipartito" entre PSdeG-PSOE e BNG nin cun "espazo da unidade popular representado só por Podemos". "Unir multiplica", asegurou en varias ocasións, durante a entrevista na Cadena Ser.

Pase o que pase, Noriega garantiu que Anova, que contempla a posibilidade de concorrer coas mareas municipalistas, estará presente nas eleccións autonómicas porque "así o decidiu" no recente proceso de refundación que viviu a formación.

Con todo, ante a posibilidade de que se tripliquen as candidaturas que no seu día formaron En Marea, descartou que a culpa sexa só de Podemos, senón que haberá que "prorratear" as responsabilidades entre o conxunto do espazo da esquerda rupturista.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS