Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Noriega reivindica o peso de Anova na construción dunha "alternativa" a Feijóo: "Nunca un morto estivo tan vivo"

O exalcalde forma parte da única lista que se presenta ao proceso de renovación da dirección de Anova, liderada por Antón Sánchez

SANTIAGO. EP  | 13.12.2019 
A- A+

O exalcalde de Santiago e portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, reivindicou o peso do seu partido, Anova, na construción dunha "alternativa" ao Partido Popular do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, de cara ás eleccións autonómicas do próximo ano.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres, véspera da asemblea da que sairá a postura de Anova para as autonómicas, Noriega incidiu en que a organización nacionalista da que forma parte "ten unha gran potencialidade para seguir construíndo" o espazo da unidade popular.

"Ás veces escoito falar de que a achega de Anova está finita e que non ten sentido", sinalou a preguntas dos medios o cofundador do partido soberanista, que considera que a "agresividade tan grande" que, di, percibe cara á súa organización faille chegar á conclusión de que "nunca un morto estivo tan vivo".

"Anova ten unha gran potencialidade para seguir construíndo ese espazo", defendeu o exregidor compostelán e unha das referencias do partido, que cre que isto o demostra que "preocupe tanto que unha organización soberanista siga construíndo espazos que disputan hexemonías dentro do país".

Así as cousas, considera que Anova "ten que estar" na candidadatura de unidade "na fórmula que sexa" para así "ampliar o espazo" de cara ás autonómicas, polo que espera que da asemblea deste sábado salga unha tese política "de consenso" ao redor de "transitar este camiño".

Cuestionado sobre se pensa dar o salto da política local ao ámbito autonómico, Martiño Noriega apelou á súa condición de "militante". "Martiño Noriega está no mesmo sitio que en xuño", indicou, antes de pór o foco en que "estes días" servíronlle "para testar que resistencias hai".

ÚNICA LISTA Á DIRECCIÓN
Así as cousas, unha única lista opta ao proceso de renovación dos órganos de dirección de Anova, proceso que se desenvolverá este sábado na IV Asemblea Nacional da organización.

Deste xeito, o actual portavoz nacional e deputado autonómico, Antón Sánchez, encabeza unha lista continuista coa cúpula saínte. Acompáñano o propio Noriega en terceiro lugar e o histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras no quinto posto.

Gladys Afonso, Cristina Amor, María do Pilar Barros, Pepe Arias, María Bentrón Carbia, Raúl Asegurado e Antía Comesaña completan o primeiros dez postos dunha candidatura composta por 50 nomes que é definida pola actual dirección como unha lista que "representa a pluralidade da organización para relanzar o proxecto de Anova e do espazo de ruptura".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS