Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Normalidade no arranque do curso en secundaria nos centros galegos

Carmen Pomar participou na inauguración do ano lectivo no IES Eusebio da Garda, onde tamén se concentrou a CIG

A Consellería de Educación incorporará un segundo orientador nos 20 centros educativos con máis alumnos en Galicia
 - FOTO: CONSELLERIA DE EDUCACIÓN
A Consellería de Educación incorporará un segundo orientador nos 20 centros educativos con máis alumnos en Galicia - FOTO: CONSELLERIA DE EDUCACIÓN

SANTIAGO. EP  | 17.09.2019 
A- A+

Máis de 148.000 mozos iniciaron as clases en educación secundaria, bacharelato e ensinanzas de réxime especial este luns, nunha xornada marcada pola normalidade e na que non se rexistraron incidencias que dificultasen o regreso ás aulas.

A Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidade destacou a ausencia de incidentes na xornada. Unicamente, o IES Ramón Cabanillas de Cambados rexistrará un regreso ás clases máis graduado polas obras de mellora que se realizan no centro, e as aulas iranse retomando progresivamente ata o luns.

A titular do departamento autonómico, Carmen Pomar, participou este luns na inauguración do curso no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, acompañada polo equipo directivo da Consellería; polo delegado da Xunta na provincia, Ovidio Rodeiro e polo representante da alta Inspección do Estado, Manuel Regueiro.

Alí lembrou a iniciativa da Xunta de reforzar os servizos de Orientación cun segundo orientador nos vinte centros educativos con maior número de alumnado en Galicia, entre eles o caso do Eusebio da Guarda.

Pomar destacou o valor deste servizo, "inherente á propia educación, xa que contribúe á formación integral do alumnado, con independencia das súas capacidades ou necesidades". Neste sentido, lembrou que, ligado a esta liña prioritaria de actuación, creouse recentemente o Servizo de Inclusión e Orientación Educativa na Consellería.

O Executivo tamén está a piques de lanzar unha normativa específica para o recoñecemento e regulación dos centros históricos de Galicia, "que suporá a posta en valor e salvagarda" do patrimonio educativo.

"O IES Plurilingüe Eusebio da Guarda forma parte da rede de institutos históricos de Galicia e, como tal, é unha peza do patrimonio histórico educativo da nosa Comunidade", expuxo nunha intervención na que agradeceu a colaboración da comunidade educativa para as obras de rehabilitación integral que o seu departamento está a executar neste instituto.

PROTESTAS
Coincidindo coa visita de Pomar, un grupo de delegados da CIG-Ensino protagonizou unha protesta ás portas do centro para instar á Xunta a iniciar "canto antes" a negociación para regresar ao horario lectivo anterior á chegada de Alberto Núñez Feijóo ao Goberno galego.

O sindicato acusou a Pomar de "esconderse" e acceder ao instituto doutra banda mentres "o seu séquito de cargos políticos e da alta inspección entraron pola porta principal", o que ao seu xuízo demostra a "falta de vontade negociadora dun dereito usurpado pola Xunta incluso antes" de que Mariano Rajoy aprobase o Real Decreto que impuxo esta medida a todo o Estado.

Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, advertiu de que ao Goberno galego "acabáronselle as escusas", posto que as comunidades autónomas comezaron a reverter o horario após a derrogación da norma.

"Esta medida redundaría principalmente na mellora da calidade do ensino, permitindo de novo facer desdobres e incrementar os apoios", explicou, ademais de evitar "a perda de postos de traballo".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS