Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 18.09.2019 Actualizado 20:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Normas electorais incorrixíbeis

XOSÉ A. GACIÑO  | 16.05.2019 
A- A+

Pasaron as elección xerais, entramos na nova campaña de elección europeas, municipais e autonómicas na maioría das comunidades, e seguiremos deixando atrás as deficiencias das normas electorais, das que só nos acordamos cando están as campañas en marcha e volven repetirse as queixas, cando non hai maneira de revisar as normas. E non se trata só do que está recollido na Constitución (a provincia como circunscrición, que elimina o reparto proporcional de escanos nas provincias menos poboadas), que non pode modificarse sen unha reforma constitucional, tarefa imposíbel hoxe por hoxe.

Trátase tamén doutras cuestións aparentemente menores, como a máis que obsoleta xornada de reflexión ou a prohibición de difundir sondaxes electorais na segunda semana de campaña, ou a regulación da presenza das diferentes candidaturas nos medios de comunicación públicos de xeito proporcional á representación obtida nos comicios anteriores (con mingua da igualdade de oportunidades, por certo). Pensada en principio para a distribución dos espazos gratuítos de propaganda electoral, unha interpretación antixornalística trasladou esa regulación aos espazos informativos, de maneira que se condena aos medios públicos a non informar realmente da campaña electoral, obrigándolles a prolongar o soporte propagandístico das diferentes candidaturas, sen posibilidades de introducir criterios xornalísticos, sobre todo cando se trata de novas formacións (hai algo máis antixornalístico que prohibir informar das novidades?). 

Como en materia de debates nas radios e televisións apenas hai algunha referencia indirecta na lei, en lugar de deixar que os medios e os candidatos acorden en liberdade as combinacións que lles parezan oportunas (xa que ninguén vai aceptar que sexan obrigatorios, que sería o máis axeitado), aplícanse os mesmos criterios restritivos mesmo ás emisoras e canais privados. Nestes tempos nos que a prensa escrita cada vez se le menos e as redes sociais serven en gran medida para difundir mentiras e insultos, mutilar informacións e debates nos medios de comunicación que chegan a máis público ben podería considerarse unha maneira -supoño que involuntaria- de primar aos que practican a demagoxia e a manipulación.

Naturalmente, unha vez que pasen estes comicios de abril e maio, e comece o festival de negociacións e manobras para repartirse o poder que xa ninguén é capaz de conseguir en solitario, esqueceremos estes defectos normativos que ningún partido parece ter xa interese en corrixir, os máis antigos porque sacaron e aínda seguen a sacar proveito deles, sobre todo das desproporcionadas representacións provinciais, e os máis novos porque xa están empezando a acomodarse, quizais non tanto como soñaban pero si o suficiente como para esperar a súa vez.

Para os puristas que sempre aproveitamos a ocasión para reclamar melloras en proporcionalidade e igualdade na lei electoral (herdeira da que serviu para convocar as eleccións preconstitucionais, con modificacións posteriores que só serviron para primar ás forzas máis potentes), hai respostas de sobra coñecidas sobre os defectos de calquera sistema electoral (desde os sistemas maioritarios que desprezan os votos de millóns de cidadáns até a aberración de primar con cincuenta escanos de propina á lista máis votada), como para que nos conformemos coa ocorrencia final de Billy Wilder nunha das súas máis divertidas comedias (Some like it hot, traducido en España como Con faldas y a lo loco): “Ninguén é perfecto”.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS