Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 20:39
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Nostalxia do xornalismo

XOSÉ A. GACIÑO  | 25.02.2018 
A- A+

Mal anda esta profesión de xornalista se, para elevar a nosa autoestima, temos que botar man dos combates históricos pola liberdade de información que libraron nos anos setenta do século pasado os xornais The New York Times e The Washington Post, primeiro coa divulgación dos chamados arquivos do Pentágono (un informe encargado por Robert McNamara, secretario de Defensa con Kennedy e Johnson, sobre a imposibilidade de gañar a guerra de Vietnam) e despois -xa o Post en solitario- coa investigación do caso Watergate, sobre a espionaxe da xente de Nixon nas oficinas do Partido Demócrata en plena campaña electoral. Uns combates que volven a primeiro plano coa última película de Steven Spielberg.

En plena crise do negocio da información -e naturalmente dos profesionais que traballan nese negocio-, é inevitábel ver con nostalxia a película The Post (Los archivos del Pentágono, na versión española), na que Spielberg recrea uns momentos de esplendor dos xornais máis importantes e independentes de Estados Unidos (eses planos entrañábeis das linotipias, dos paquetes de liñas de chumbo, das espectaculares rotativas, do despregue de camións cos paquetes de periódicos...) . Un esplendor que proviña da vitoria xudicial do dereito á información fronte ás esixencias da seguridade nacional, ese argumento recorrente dos gobernos de todo o mundo, de todas as ideoloxías e de todas as épocas para impedir que se descubran os seus inconfesábeis secretos de Estado.

Pero, mesmo neses momentos de esplendor, como tamén reflexa a película (que bebe dos libros nos que narraron as súas experiencias cada un dos dous principais protagonistas daquel Washington Post, a editora Katharine Graham e o director Benjamin Bradlee), vivíase unha tensión permanente entre empresarios xornalísticos e os fondos de investimento que lles achegaban a financiación necesaria e que trataban de impoñer os seus criterios sobre rendibilidade que chocaban cos niveis de calidade xornalística. A nostalxia inclúe precisamente esa tensión. Agora, máis de corenta anos despois, esa tensión é só un recordo: os empresarios de prensa empezan a ser unha especie en perigo de extinción e os criterios de suposta rendibilidade impostos polas fontes de financiamento están a causar tanto ou máis dano ao xornalismo que as riadas de falsidades e manipulacións que nos inundan polas redes sociais. A degradación xornalística, ademais, non parece aumentar as ganancias.

Os colegas máis optimistas confían en que, no medio de todo este rebumbio de precariedades e de tecnoloxías mal dixeridas, se rematará por atopar as fórmulas que fagan rendíbel a supervivencia do xornalismo, ese que se di que é absolutamente necesario para a democracia. Algúns experimentos de prensa dixital permiten albiscar algunha esperanza, pero o momento presente é máis ben desconcertante e desolador.

A batalla principal segue a librarse en Estados Unidos, onde o actual presidente, como Nixon nos anos setenta, considera a prensa como un inimigo a abater (e xa se sabe que en Estados Unidos esta expresión pode non ser metafórica) e prefire difundir masivamente os seus exabruptos cheos de falsidades polas canles virtuais aparentemente incontroladas. Tanto alí como en todo o mundo, o déficit de xornalismo contribúe precisamente a aumentar o control que os grandes poderes exercen sobre as vías de información.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS