Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 15.02.2019 Actualizado 19:01
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

ENQUANTO HÁ FORÇA

Nostalxia dun paraíso de esperanzas

XOSÉ A. GACIÑO  | 02.07.2018 
A- A+

Leva cento cincuenta e nove cancións do máis variado almacenadas nun pendrive que as vai soltando aleatoriamente, pero cando vai circulando polo Bierzo soa precisamente o cantante berciano Amancio Prada degraendo os versos de Rosalía que describen a aventura da emigración á Habana e os de Cunqueiro con sabor de cantiga medieval. Cousas de meigas, sen dúbida, pero polos altofalantes do coche van sucedéndose (aínda que se intercalen de vez en cando Agujetas, Dylan, Zaz ou Conchita Piquer) as voces e os sons de Luar na Lubre, de Batallán, de Miro Casabella, do recentemente falecido Benedicto e do seu admirado Zeca Afonso, de Milladoiro, de Uxía, de Luz Casal con Carlos Núñez (tamén Rosalía: a súa impresionante negra sombra)... Galicia adiante até A Coruña, envolto na morriña de sete anos de ausencia.

Por mil motivos e circunstancias, viñera demorando unha viaxe que sempre desexaba e nunca concretaba. Menos mal que os vellos amigos non o esquecen e a un deles (Xosé Manuel Pereiro, por exemplo) se lle ocorreu montar unhas xornadas evocadoras do Rock&Rebeldía&Reconversión dos anos setenta e oitenta, xusto os anos que pasara compartindo música e letra cos parias da terra, da nosa terra, no final da longa noite de pedra (e perdón por tanta rima). E non dubida cando lle propoñen participar na evocación. Xa podía concretar e emprender a viaxe que desexaba e tanto demoraba.

Roqueiros e sindicalistas do sector naval tiveron claro os seus discursos nos seus apartados correspondentes. O da rebeldía quedaba para os xornalistas (Manolo Rivas, María Xosé Porteiro e o viaxeiro do conto), para recordar desde os últimos anos da represión franquista até a consolidación definitivamente conservadora dos medios de comunicación, unha vez superada a primavera informativa dos primeiros anos da transición, antes das primeiras eleccións democráticas, cando non se tiña claro o nivel de aceptación de cada forza política e os medios xogaban a non estar abertamente enfrontado con ninguén que puidese chegar a ter poder. Anos de loitas (persoais e colectivas), ilusións, euforias... con refachos de frustración que nunca desaparecen. Todo iso quedou entrelazado nas palabras do Rivas, sempre esperanzadoras, e nos recordos de combate (dobre combate, como xornalista e como muller) da Porteiro, mentres o viaxeiro engadía unhas conclusións dominadas agora polo escepticismo.

Nostalxia de certo paraíso perdido (o paraíso das esperanzas), sentida mellor na compañía dos que compartiron tempo e terra. Como un balón de osíxeno co que dosificar a morriña até a próxima expedición, con ou sen xornadas organizadas, pero sempre evocadora de xentes e lugares que un non quere esquecer, porque, como confesou nesa sesión de lembranzas con aires de psicanálise, aqueles anos da transición foron os máis apaixonantes da súa vida profesional e o que veu despois foi como unha marcha máis ou menos animada e intensa fronte a outros problemas e outros retos, pero cunha dirección parece que implacábel cara ao escepticismo. Afortunadamente, os outros dous compañeiros de terapia aínda tiñan folgos para conxurar esperanzas.

(No regreso ao sur, nalgún momento, soa esa Andalucía de El Kanka que inclúe na súa lista de andaluces ilustres a Picasso, Machado, Camarón, Juan Ramón, García Lorca, Carlos Cano, Paco de Lucía..., nesa Andalucía de pedir terra e liberdade, unha canción na que, con agradábel sorpresa, un advirte que non se fala nin de touros nin de procesións de semana santa. Será que, de verdade, aínda hai esperanzas)

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS