Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 30.07.2014  | Actualizado 13.41

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Nostalxias universitarias

JOAQUIM VENTURA  | 10.01.2012 
A- A+

Sendo como son as universidades a institución destinada a formar os cadros dirixentes da sociedade, sorprende a pouca reflexión que desde elas se fixo e se fai respecto do seu presente e do seu futuro. Máis sorprende cando, nas últimas décadas, a oferta de estudos mudou en máis prazas e, consecuencia da homoxeneización europea –o chamado “plan Boloña”- nunha reformulación da proposta curricular.

Aínda non hai moito –lembro os casos de Xesús Alonso Montero e de Basilio Losada no ano 2000-, os catedráticos tiveron que pasar á xubilación forzosa cando cumprían os setenta anos. Hoxe, e como consecuencia da homoxeneización boloñesa, houbo prexubilacións. Estou a falar, por exemplo, de catedráticos como Juan Carlos Mainer ou Jordi Llovet.

Ao segundo téñolle un especial afecto porque –despois de telo de profesor no curso de doutoramento- propúxenlle que formase parte do tribunal da miña tese. Por iso lin con interese o seu ensaio autobiográfico Adéu a la universitat. L’eclipsi de les humanitats, publicado xa hai un tempo e que vai, pouca broma, pola cuarta edición, unha circunstancia insólita nos nosos días para un libro deste xénero e en catalán.

O doutor Llovet reflexiona e láiase da pouca consideración social polos estudos de letras, xeneralistas e reflexivos, fronte á especialización, a tecnificación, o proveito mercantilista e a invasión das novas tecnoloxías. Cabería darlle a razón, posiblemente, en que os nosos tempos xa non son propicios a aquela figura do mestre, capaz de disertar sen notas de Cervantes, Shakesperare, Virxilio ou Goethe, de arte, de música, de cine e poñelos en relación entre eles e co mundo actual. Quizáis o problema é que os alumnos de hoxe, moito máis inmediatistas, tampouco están dispostos a eses mestrados.

Non cabe dúbida que a burocratización da universidade –agravada pola aplicación das directrices de Boloña- é un lastre para quen se dedica á investigación, obrigado a publicar en libro e a esquecer as actas dun congreso ou as revistas de ámbito local. Eu, que non pasei máis de oito anos na universidade, podería escribir un verdadeiro memorial de aldraxes.

Porén, e isto é un sano exercicio, as reflexións do profesor Jordi Llovet veñen de ser contestadas, sen citalas, por Jordi Gracia, outro precoz catedrático de literatura, tamén da universidade de Barcelona. No seu valente ensaio –que o autor alcuma de panfleto- El intelectual melancólico rebate a visión catastrofista das humanidades e considera que non habería tal apocalipse senón un simple cambio de modelo fronte ao cal os mestres da vella universidade non teñen alternativa. Os mestres, precisa, que foron estudantes nos anos do maio de 1968 e que agora chegan ao remate da súa vida académica. Un laio que fan os profesores universitarios e non os suxeitos das humanidades, os escritores e os filósofos.

No fondo, o eterno debate entre aristocratismo e democratización da cultura, a risco da vulgaridade.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS