Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 23.07.2014  | Actualizado 19.30

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

A nova ERC e o xogo da oca

JOAQUIM VENTURA  | 26.09.2011 
A- A+

Despois das últimas elecións municipais escribín neste racuncho da desaparición de ERC en moitas vilas e cidades, circunstancia que se viña a engadir á condición de quinta forza no Parlament. En portas das xerais de novembro, podemos xa non intuir senón afirmar que o histórico partido pode quedar sen representación en Madrid (ai, aqueles oito deputados de 2004) e, o que é peor, perder definitvamente a condición de forza central en Cataluña.

Nese camiño de autofagocitación no que parece estar instalado, ERC –que vén de celebrar os seus oitenta anos de historia- deixou de banda a direción que lideraba Joan Puigcercós e cuxa cabeza visible en Madrid era Joan Ridao, un tenaz e laborioso parlamentario, firme nas ideas pero flexible nas formas, que asaltara de xeito cainita hai tres anos a presidencia de Carod-Rovira.

O novo presidente, Oriol Junqueras e -despois dalgunhas dúbidas e negativas verbo do cabeza de lista das xerais- o escritor Alfred Bosch son os seus rostros visibles. Nestes sete anos últimos os militantes de ERC viviron no susto permanente, entre a saída do primeiro tripartito pola oposición ao novo Estatut, diversas saídas de pato de banco dos seus dirixentes (comezando pola entrevista de Carod-Rovira con ETA en Perpiñán) e a reedición do segundo tripartito.

A nova dirección –que recupera o máis auténtico estilo boy scout- aposta de maneira inequívoca pola independencia e esquece a defensa dos valores de esquerda, obviando que o forno non está para cocer moitos bolos. E para iso apela a recuperar as escisións que callaron en Reagrupament e en Solidaritat, sen decatarse que a súa marcha era deixar un lastre cuxas manifestacións ás veces, de pura simpleza, son máis propias do populismo da Lega Nord que dun partido democrático.

Cando os socialistas están na máis voraz das desorientacións (velaí o risco de ser PSOE en estado puro e derrotado), a nova ERC non aposta por resituar o espazo das esquerdas senón en achegarse á sombra de CiU polo flanco soberanista, suicidio evidente porque Mas –malia a súa retórica- e menos aínda Duran Lleida nunca darán un paso nese sentido.

Quince anos despois de que Carod-Rovira ocupase a presidencia pola marcha do tándem Colom-Rahola en 1996, ERC volve a estar, como no xogo da oca, no punto de partida. Pero coa diferencia que, malia o aumento social do sentimento independentista, a atomización dese espazo e a aparición de forzas novas de base, como as CUP, fan que resulte inviable.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS