Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 13.07.2018 Actualizado 19:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Novas análises de auga confirman valores de ferro por encima dos permitidos en Vigo e Redondela

Se os resultados se confirman nas novas mostras, Sanidade recomendará a restrición do consumo

VIGO. EP  | 28.12.2017 
A- A+

As análises da auga da traída realizados polo Laboratorio de Saúde Pública da Xunta de mostras tomadas o pasado 26 de decembro confirman que os valores de ferro e aluminio en determinados puntos de Vigo e Redondela están por encima dos máximos permitidos (para considerar a auga apta para consumo humano).

Segundo informaron fontes do goberno galego, as mostras tomadas nos "puntos negros" da rede de abastecemento de Vigo ratifican que a presenza de ferro está moi por encima do nivel aconsellado, que é de 200 partes por billón (ppb). A partir dese valor deben tomarse medidas, que terían que ser de rápida aplicación se se superan as 300 partes por billón, e se superan as 600 partes debe recomendarse a restrición de consumo.

As mesmas fontes sinalaron que os valores de ferro na acometida do CEIP Ría de Vigo de Canido alcanzan as 1.111 ppb, mentres que dentro do colexio chegan a 430 ppb (o que se explicaría pola ausencia de actividade no centro debido ás vacacións do Nadal). Na rede de Canido os valores de ferro alcanzaron as 1.484 ppb e 2.276 no caso do aluminio.

Na mesma liña, tamén se superaron os valores recomendados no CEIP San Salvador de Teis, cuns resultados analíticos de 1.019 ppb na acometida e 559 ppb no interior das instalacións.

Con respecto ao municipio de Redondela, a zona afectada pola acumulación de ferro na auga é San Esteban, onde se mediron valores de 760 ppb.

RESTRICIÓN DO CONSUMO
Á luz destes datos, a Xunta advertiu de que a auga segue sendo de mala calidade e, nestes puntos, supera os valores que determinan que sexa apta para consumo humano. Os técnicos tomaron novas mostras e, en caso de manterse estes parámetros, "Sanidade terá que recomendar a restrición do consumo".

A administración galega reclamou ás empresas encargadas da subministración que apliquen "o máis axiña posible", as correspondentes medidas correctoras, á vez que mantén a súa petición de que informen das súas análises cada 24 horas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS