Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
Paralelamente ás duras medidas do Goberno para tratar de reaxustar as contas públicas e tratar de abrir vías de esperanza -iso é, polo menos, o que nos prometen-, os cambios na percepción do panorama económico prodúcense tamén con certas matizacións na lectura e, sobre todo, na escritura dos feitos a considerar. Desta maneira, os mesmos datos que hai uns meses servían para ilustrar a catástrofe á que nos levaba un mal goberno serven agora para xustificar unha necesaria política de sacrificios. O que antes era unha resposta improvisada a unha situación que un goberno irresponsábel era incapaz de resolver pasa a ser a única resposta posíbel, no marco dunha política europea común, fronte aos excesos de vivir (todos, ao parecer) por enriba das nosas posibilidades.
Antes do 20-N, a cifra dos cinco millóns de parados (manexada desde moito antes de que se chegase a contabilizar realmente) era unha referencia dramática en cada debate co goberno. Nestes días, ademais de desenvolver campañas destinadas a desprestixiar a uns sindicatos que nunca gozaron de moita consideración, empezan a circular historias coas que se pretende colocar aos parados "no seu sitio". Algúns dirixentes empresariais, especialmente eufóricos coa contrarreforma laboral (e iso que a consideran moderada), ironizan cos supostos postos de traballo que se atopan minutos antes de esgotar o periodo de cobro do subsidio de desemprego (como se non fose medrando, progresivamente, o número dos parados que se van quedando sen prestación... e sen emprego) ou reclaman que se obrigue aos que figuran nas listas de desempregados a aceptar calquera posto de traballo, sexa o que sexa, nas condicións que sexa e onde sexa, mesmamente en Laponia se se terza. Como se non levaran xa tempo emigrando a países como Noruega, por exemplo.
Tampouco é que se trate de ideas moi orixinais. En realidade, son tópicos recorrentes, que levan moito tempo a circular na nosa sociedade, como tantos outros elaborados pola inercia de mentalidades conservadoras e intransixentes, desgraciadamente predominantes. Tópicos como o da suposta tolerancia legal coa delincuencia miúda (a pesar de que as estatísticas sinalan a España como un dos países de menor índice de delincuencia de Europa e, paradoxalmente, de maior índice de población reclusa e durante máis tempo), ou o supostamente indiscutíbel principio de que a xestión privada é máis eficiente que a xestión pública (como "proba" o estado dos ferrocarrís arxentinos privatizados por Menem e que seguen co mesmo material que entón, con resultados como o da recente catástrofe nunha estación de Bos Aires).
A partir do control da inmensa maioría dos medios, privados e públicos, empezan a contarnos que a sucesión de manifestacións contra as contrarreformas e os recortes constitúe o resultado de maquinacións contra os intereses de España, a cargo de resentidos polo seu fracaso electoral. Ninguén recorda xa a cantidade de manifestacións, con folga xeral incluída, que se sucederon en España ao longo da crise, sobre todo a partir de maio de 2010, cando o goberno socialista abrazou a causa das tesoiradas. Como tampouco queren recordar que o fenómeno de grupos extremistas minoritarios reventando mobilizacións cidadás pacíficas con accións violentas é xa antigo.
Despois de tanto tempo repetindo que bastaba con cambiar o goberno para restablecer a confianza e, con ela, a inversión e o emprego, parece que chegaron a crer que o seu eslogan era algo máis que un simple reclamo electoral. E non soportan que as mobilizacións lles recorden a crúa realidade.
