Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 13.12.2017 Actualizado 17:49
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

DENDE VERIA

De novo, a eutanasia

ELÍAS PÉREZ SÁNCHEZ  | 05.05.2017 
A- A+

“Negar a propiedade privada do noso propio ser é a máis grande das mentiras culturais. Para unha cultura que sacraliza a propiedade privada das cousas, é unha aberración negar a propiedade máis privada de todas, a nosa Patria e Reino persoal. O noso corpo, vida e conciencia”. Con estas palabras finalizaba o testamento de Ramón Sampedro que rubricaba, categoricamente, unha vida chea de padecimientos e qie supuxo unha seria alegación a favor da dispoñibilidade da propia vida. Dezanove anos despois da súa morte, poucas cousas mudaron.

Desde o punto de vista médico, o consentimento informado (CI) e as declaracións de vontades anticipadas ou instrucións previas (os DVAs) xurdiron nestes últimos anos co fin de introducir un serio correctivo non só ao vitalismo (prioridade da vida biolóxica do ser humano fronte á biográfica), senón tamén ao paternalismo médico. O CI e os DVAs representan a materialización do principio de autonomía do paciente ao contar coa súa liberdade de decisión antes de iniciar un tratamento médico e antes de decidir se se mantén “ad infinitum”. O avance que supoñen é limitado ao correr o risco de dexenerar en prácticas burocráticas no canto de buscar unha finalidade eticamente loable como o recoñecemento da autonomía e dignidade do enfermo e a mellora do diálogo e a relación médico-paciente. Ademais, ao non aceptar “vontades que incorporen previsións contrarias ao ordenamento xurídico”, por unha banda e, ao excluír instrucións contrarias á “boa praxe médica”, só serían admisibles as peticións de desconexión (eutanasia pasiva?) ou de paliación-sedación na agonía (eutanasia indirecta?) pero nunca aquelas condutas directamente encamiñadas a anticipar a morte do paciente en estado terminal ou sufrindo unha enfermidade dexenerativa irreversible. E non supoñen ningún avance xa que son situacións contempladas hai décadas na Lei Xeral de Sanidade e no Código deontolóxico médico. Incluso o Vaticano e a Conferencia Episcopal admitiron no seu momento ditas prácticas en tanto non provoquen a morte do paciente dun modo intencionado.

Desde o punto de vista xurídico-penal, o artigo 143.4 do Código penal vixente segue ignorando, como absolutamente irrelevante, o requirimento do paciente terminal ou seriamente incapacitado prescribindo que cando unha persoa cunha grave enfermidade que necesariamente lle conducirá á morte ou que lle produce graves sufrimentos pida inequivocamente que alguén lle axude activamente causándolle a morte e poñendo así fin á devandita situación de sufrimento, todos -e este é o mandato que, de non ser seguido, dará lugar á imposición da pena de prisión- teremos que absternos de cumprir tal petición, permitindo que a situación irreversible de padecimiento continúe. Considero que o Código penal debe convivir en sintonía coas crenzas do conxunto da sociedade, polo que tal mandato racha coa convicción xeral da cidadanía, a cal, e a través de distintas enquisas, declarouse maioritariamente a favor da eutanasia e o suicidio asistido en determinadas circunstancias.

Estes tempos diversos partidos políticos tentaron sen éxito (de modo confuso e irreflexivo, utilizando técnicas xurídicas mellorables e procedementos formalmente lamentables) abordar ditas cuestións. Nada substancial mudou (insisto) desde fai dezanove anos polo que se fai inescusable non só unha reflexión máis seria sobre a dispoñibilidade da propia vida a través do suicidio asistido e a eutanasia activa, senón tamén que tales condutas, co control social, médico e legal adecuado, deixen de ser condutas proscritas e convértanse en prácticas toleradas, tal e como se espera dun Estado democrático, plural e aconfesional como o noso.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS