Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 31.10.2014  | Actualizado 12.23

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

(DE)MENTES ESPERTAS

Números en feminino

ALBA LÓPEZ SÁNCHEZ  | 17.03.2012 
A- A+

Informes, estatísticas, números, mais números en feminino… achegándose a data os xornais e demais medios de comunicación tentan reflectir a realidade extraída deses resultados que cada ano, pese a medidas de “boa vontade” non modifican para nada o camiño da muller á igualdade.Penso que ata chega un momento no que hai xente que pasa por riba desas novas, que nos veñen a dicir o de sempre: que a pesares de ser maioría nesta bóla de auga e terra na que moramos, somos a minoría menos visible en moitísimos casos.

Seria e seca, a comisionada de xustiza da UE, Vivien Reading, falaba hai cousa dunha semana na presentación dos datos de igualdade nas xuntas directivas das empresas, da posibilidade, xa case obrigada, de impor cotas de presenza feminina. Non é amiga das cotas; eu tampouco, mais por desgraza, dada xa unha marxe de anos á esa boa vontade de cambio inda non nos achegamos nin remotamente ao que debería ser. Sempre igual; primeiro próbase esa “empatía” do grande co pequeno, pero logo vese que a cousa non funciona, tómanse medidas de carácter protector ou corrector da diferenza e pode que logo dense resultados positivos. Iso se o abusón non machacou xa por completo ao pequeno. Sómosche así de politicamente correctos (senón que llo digan ao goberno do estado, con ese invento dun “código de boas prácticas”, tentando sacarlle á banca ese corazonciño que tod@s levamos dentro!) Esa discriminación positiva, empregada en outros aspectos coma apoio á integración e igualdade de oportunidades en casos de minusvalía ou a discriminación positiva, lóxica e xustificable, dun idioma minoritario, debería ser vista como positiva tamén polos nosos compañeiros e non coma ameazante no caso do acceso da muller ao mercado laboral.

Nese barullo de novas de xornais, titulares, declaracións, reportaxes sobre mulleres e a súa situación, destácase á RAE co debate do uso lingüístico do masculino/feminino no castelán (español que lle chaman eles). Bastante oportuno ou inoportuno, sonche vostedes libres de opinar. Nun texto, asinado tanto por académicos homes coma mulleres, fálase da inutilidade dos cambios suxeridos por unha parte da sociedade que pretende darlle unha maior visibilidade á muller e ao feminino no conxunto da fala. Ridiculízannos incluso. Descoñezo se ese debate se lles ocurriu hai meses e coincidiu coa semana do día da muller por casualidade, ou se foi feito adrede para darlle unha notoriedade a unha institución que, descúlpenme se ofende, debería baixarse un pouco desas altas cadeiras e ver o que está a acontecer con respecto ao idioma fóra do círculo dos sabios. A lingua, ao igual que outras artes, evolucionan segundo as necesidades e intereses dos falantes, e por engadido do pobo, segundo o sentir e a realidade que mamamos diariamente. Se na sala, meus benqueridos académicos, teño unha maioría feminina de público non entendo como sempre teño que estar a empregar o masculino; non entendo como coa soa presenza dun home no anfiteatro so presentar o concerto en feminino, poderíase ver a miña linguaxe como un radicalismo feminista. Por sorte, podo dicir que coma persoa galego- falante a institución non me representa. Menos mal! unha menos da que avergoñarse.

Pero ben, ao tema, que non é ese. O triste do asunto é o desvío da atención ás cifras, crúas e incribles, que amosan que unha muller debe traballar un 16% máis que un home para ter o mesmo soldo realizando o mesmo traballo, chegando ao 20% en Castilla La Mancha. E iso sen a agresiva e inadmisíbel reforma laboral á que nos afrontamos. Haberá que ver os novos datos o vindeiro 8 de marzo do 2013, pero eu e moitas coma min adiantamos que van ser históricos. Teñen un ano, señorías, para atopar o xeito de trampear os datos de despidos (im)procedentes femininos; se cadra xa o teñen máis que pensado: disque quen fai a lei, fai a trampa. E pode que por aí vaian os tiros paternalistas da reforma do aborto do ministro de Xustiza. Pode que entón se nos despiden co embarazo, estean a facernos un favor para ter máis tempo coa lactancia e demais “deberes” femininos. Ui, perdón, doulle a retranca e é un non parar…

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS