Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 06.12.2019 Actualizado 13:32
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O Centro Dramático Galego abre temporada co inicio dos ensaios de "O profesional"

Miguel Pernas, Ernesto Chao, Rodrigo Roel e Rebeca Montero daranlle vida aos personaxes da obra de dusan kovacevic, baixo a dirección de Manuel Guede Oliva Cultura e Educación

SANTIAGO  | 04.09.2012 
A- A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abre a temporada teatral 2012-2013 do Centro Dramático Galego co inicio dos ensaios do espectáculo O profesional cara á súa estrea o 5 de outubro no Salón Teatro de Santiago. Baixo a dirección de Manuel Guede Oliva, un elenco integrado por catro destacados nomes da escena galega -Miguel Pernas, Ernesto Chao, Rodrigo Roel e Rebeca Montero- traballa xa na construción e interpretación dos personaxes da obra de Dusan Kovacevic (na imaxe), dramaturgo e director de orixe serbia e unha das grandes figuras contemporáneas da escrita dramática europea.

Realizada en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga, esta montaxe é tamén a primeira proposta escénica da nova etapa de Guede Oliva á fronte da compañía pública, que baseará a súa actividade na optimización de recursos e na procura da máxima rendibilidade social das súas iniciativas. A obra permanecerá en carteleira no Salón Teatro ata o día 21 de outubro para iniciar despois unha extensa xira por outras 12 localidades galegas e portuguesas que se prolongará ata finais do ano.

Dúo protagonista
Ambientada no Belgrado de 1990, O profesional é a historia do encontro entre Teodor Teja Kraj, un ex-activista político na oposición ao réxime do mariscal Tito e acomodado agora entre as redes do poder, e Luka Laban, o policía que durante dúas décadas lle seguiu os pasos. Na versión galega, Miguel Pernas e Ernesto Chao darán vida aos que nunha época foron perseguido e perseguidor, pero que ven agora como se inverten os seus papeis neste novo momento histórico, inmediatamente anterior ao inicio da guerra dos Balcáns.

Rodrigo Roel, como "o tolo", e Rebeca Montero, como "a secretaria", completan o elenco que levará a escena este texto actual e cheo de matices, a través do que o CDG propón unha reflexión histórica e desde nós no ano no que se conmemora o vinte aniversario do inicio oficial da guerra de Bosnia.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS