Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Martes 21.05.2013  | Actualizado 12.15

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

propostas socialistas

O PSdeG pídelle ao Parlamento que recorra os recortes en sanidade e educación

Promete retirar o copagamento a pensionistas se alcanza a Presidencia da Xunta e compensará estes ingresos gravando a banca

SANTIAGO. EP  | 22.06.2012 
A- A+

O Grupo Parlamentario Socialista rexistrou este venres unha petición "urxente" para que a Cámara galega interpoña senllos recursos de inconstitucionalidade contra o decreto de "medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo" e contra o que prevé "medidas urxentes para garantir a sostenibilidade do sistema nacional de saúde".

Anunciouno, en rolda de prensa, o líder do PSdeG, Pachi Vázquez, despois dunha reunión coa dirección do seu partido e do grupo parlamentario. Xustificou a petición en que ambos os dous decretos levarán consigo "un empeoramento" da calidade de vida de "miles de galegos", sen conseguir "unha mellora da situación económica".

Apelando á Cámara "onde reside a soberanía popular" como "último bastión para parar esta inxustiza", tras as "reiteradas" peticións ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Vázquez comprometeuse a que a súa "primeira medida no ámbito sanitario" se alcanza a Presidencia da Xunta será eximir os pensionistas de pagar polos seus fármacos.

De feito, como sinalou, o lehendakari, Patxi López, tamén comprometeu medidas para que os pensionistas non teñan que asumir unha parte dos seus medicamentos. "E é posible, porque non supón un custo económico importante", subliñou, convencido de que os recortes non responden a criterios "económicos" senón "ideolóxicos".

Apoiou estas afirmacións apuntando que o retorno polo copagamento farmacéutico "non superará, en ningún caso, os 50 millóns de euros", mentres que só a sanidade galega supón uns 3.500 millóns de euros. "Pretenden desmontar o sistema de saúde", acusou Pachi Vázquez, partidario de que "se aquilaten máis" outro tipo de custos pero non rompa a cadea "polo elo máis débil".

FEIJÓO "SUCUMBE" ANTE O PP

Despois de recordar que Feijóo "presentaba recursos permanentemente" en contra das decisións tomadas polo Executivo liderado por José Luis Rodríguez Zapatero, o dirixente socialista censurou o seu comportamento "dócil" fronte ao Goberno de Mariano Rajoy.

Máis aínda, cando o resto de comunidades históricas xa recorreron os decretos en materia educativa e sanitaria. "Feijóo sucumbiu aos intereses do partido cando tiña que defender os intereses de Galicia", recriminoulle, facendo fincapé en que é o único que decidiu "antepoñer" os intereses partidarios aos dos seus cidadáns.

"AMNISTÍA" PARA OS PENSIONISTAS E ENFERMOS

A liña seguida, Pachi Vázquez sacou a colación a amnistía fiscal para reclamar "unha amnistía aos pensionistas, os enfermos e os estudantes" dos decretos que agora están sendo "condenados a pagar".

"Apelamos, xa non ao Goberno, senón á soberanía popular reflectida no Parlamento para ser capaces de situarnos xunto á cidadanía para defender os seus dereitos", insistiu.

IMPOSTOS AOS BANCOS

Para o financiamento deses, aproximadamente, 50 millóns de euros que calculou que aforraría o copagamento farmacéutico, o xefe de filas do PSdeG formulou cobrar impostos á banca, como xa se decidiu en "Extremadura, Andalucía e Canarias".

Con este gravame, ao seu entender, obteríanse máis recursos dos que supón "cobrar medicamentos a enfermos e pensionistas". "A este Goberno trémelle a man para poñer un imposto á banca, pero non para poñer un imposto de copagamento aos enfermos e aos pensionistas", sentenciou Vázquez.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS