Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 02.04.2020 Actualizado 14:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O TSXG estima en parte o recurso da RAG contra o decreto do Plurilingüismo e anula parte de dous artigos

Rexeita a pregunta aos pais para fixar a lingua materna en Infantil e o que permite ao alumnado empregar o idioma da súa elección na aula

SANTIAGO. EP  | 30.11.2012 
A- A+

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) aceptou parcialmente o recurso interposto pola Real Academia Galega (RAG) contra o chamado decreto do plurilingüismo, anulando dous dos seus artigos e cunha conclusión similar ao fallo sobre a denuncia de A Mesa e do sindicato CIG, dado a coñecer hai unha semana.

Segundo recolle o texto da sentenza, ao que tivo acceso Europa Press, o TSXG decidiu estimar en parte o recurso e anular os artigos 5.2 e 12.3 por ser "contrarios a dereito".

O artigo 5.2 establece que a lingua materna predominante do alumnado será determinada polo centro educativo de acordo co resultado dunha pregunta que se efectuará os pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumno/a antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla.

"Non cabe dúbida de que o devandito abandono da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, reputando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores ou representantes legais dos alumnos antes do comezo do curso sobre a lingua materna da súa filla ou filla", sinala a sentenza.

Deste modo, cita o artigo 118 da O 2/2006 para situar a sede da corresponsabilidade das familias na educación dos seus fillos "nos centros educativos", garantindo a súa intervención nos seus órganos de goberno mediante a participación. "Mais isto non pode dar pé a que a consulta aos familiares dos alumnos determine, con carácter vinculante, a lingua que se empregará na aula".

Así mesmo, recorda que o artigo 27.3 da Constitución só recoñece unha esfera de elección dos pais "en caso da formación relixiosa e moral".

"O decreto impugnado non dispón de apoio legal nin posúe rango abondo para a atribución do protagonismo vinculante aos familiares á hora de determinar a lingua que debe empregar na aula na etapa de educación infantil".

A LINGUA DA AULA

Pola súa banda, o artigo 12.3 establece que "en todas as áreas, materias ou módulos" o alumnado "poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia", aínda que se buscará que "utilice a lingua" na que se imparte a materia.

O TSXG reitera, neste punto, consideracións similares á sentenza emitida sobre os recursos de A Mesa e CIG. "Dende o momento en que, segundo a LNL e a doutrina do Tribunal Constitucional, a lingua galega será con carácter xeral o vehículo de comunicación no ensino non universitario, o mencionado artigo 12.3 é ilegal", sinala, xa que deixa liberdade ao alumno a utilizar unha lingua diferente á que se imparta na materia.

Así mesmo, e aínda que o texto engade que se buscará a coincidencia entre a lingua de uso do alumno e a da materia ou módulo, esta afirmación "nada garante de cara a que finalmente se logre, porque aquela expresión non é imperativa, senón meramente indicativa ou de tendencia". "O que se traduce na incoherencia interna do precepto".

Por outra parte, tanto a doutrina do Tribunal Supremo como ao do TC móstranse "contrarias" a que a lingua do ensino estea condicionada pola liberdade de opción dos interesados, polo que "non resulta lóxico que se outorgue a devandita liberdade ao alumnado".

Outro argumento que conduce á "ilegalidade" do artigo é que "resulta contrario ao fomento do uso progresivo do galego no ensino que, como mandato imperativo, se contén no artigo 12.3 da LNL".

"Non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta Comunidade Autónoma dende o momento en que se lle permite que non fale ou escriba na lingua galega cando é esta ao propia da área, materia ou módulo".

OUTRAS CONSIDERACIÓNS

O TSXG rexeita recurso, ademais, sobre o resto de preceptos impugnados. Entre eles, o artigo 15 ou a disposición transitoria primeira do cambio de denominación dos equipos de normalización lingüística por equipos de dinamización lingüística.

Neste aspecto, o tribunal considera que a cuestión terminolóxica 'per se' non demostra unha vontade reticente de non acatar as obrigas da Lei de Normalización Lingüística.

Noutro deles, a RAG entende que a asignación lingüística ao castelán da materia de Matemáticas "prexudica ao galego" e quedaría relegado a outras materias menos "relevantes", e asegurando que vulnera tanto a LNL como o Plan Xeral de Normalización.

O TSXG opina, non obstante, que, "a pesar de que se comprende que se cite o Plan de 2004, a Sala non pode acoller o valor normativo que se lle pretende outorgar", dado que "non chegou a atopar plasmación concreta" nunha norma con rango de lei".

Á súa vez, cita sentncias do Tribunal Constitucional e do Supremo nas que "non se deduce a esixencia do aumento da intensidade" na asignación lingüística da lingua propia da Comunidade Autónoma como medida derivada da súa normalización".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS