Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A obra de Castelao, Ben de Interese Cultural

A distinción quere recoñecer o seu valor dentro do patrimonio de Galicia e garantir a súa conservación e mantemento "para xeracións futuras

SANTIAGO. EP  | 23.12.2011 
A- A+

O Consello da Xunta declarou leste venres Ben de Interese Cultural Inmaterial o conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao co obxectivo de "garantir a súa conservación" e a súa difusión.

Así o explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que deu a "máxima protección legal" de Galicia á obra de Castelao.

Con esta distinción, precisou Feijóo, lógrase "recoñecer o seu valor" dentro do patrimonio cultural de Galicia e "garantir" a súa conservación e mantemento "para xeracións futuras". "Trátase dunha das figuras máis importantes da nosa cultura e por iso hai que darlle esta protección", sinalou Feijóo, á vez que lembrou que a obra de Castelao atópase "bastante dispersa".

A declaración BIC da totalidade da obra de Castelao, que se produce no ano no que se celebra o 125 aniversario do seu nacemento, constitúe a primeira declaración BIC inmaterial que se produce en Galicia e a primeira declaración relativa ao conxunto da obra dun autor.

Así mesmo, este trámite supón a conservación, difusión e investigación de toda esta obra, sen prexuízo do exercicio dos dereitos de propiedade intelectual polos seus lexítimos titulares, e ordena a súa inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, coa descrición dos fitos principais da súa obra escrita e plástica.

PROCESO

A Dirección xeral de Patrimonio Cultural decidiu o 28 de xuño de 2011 incoar o expediente para declarar ben protexido a obra de Castelao polo seu "valor simbólico" e o seu "interese como vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial do pobo galego".

Ademais de recoller alegacións ao proxecto, a Xunta solició informes á Real Academia Galega de Belas Artes, o Consello da Cultura Galega, a Facultade de Historia, e a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico da Coruña, resultando todos eles favorables á declaración como BIC.

Froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e a Fundación Castelao, asinado en 2008, elaborouse un catálogo de toda a obra artística de Castelao, dispersa en distintos lugares, que se recolle nunha base de datos dixital con máis de 3.000 rexistros.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS