Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

O SAL DA TERRA

Obsolescencia de materiais

JOAQUIM VENTURA  | 05.06.2018 
A- A+

A moción de censura presentada por Pedro Sánchez contra Mariano Rajoy, que levou ao primeiro á presidencia do goberno despois de gañala, está a causar un cataclismo non so no Partido Popular senón tamén no sistema político español no seu conxunto.

Un dos asuntos máis debatidos durante a votación da moción e nos días posteriores é o da razóns (ou das razóns) polas cales Rajoy non dimitiu e se elas respondían a criterios políticos ou (tamén) a criterios persoais. Penso, modestamente, que houbo dun tipo e doutro. Sen entrar en detalles, o xoves e venres da semana pasada vimos a Rajoy en estado puro, na súa verdadeira esencia: un tipo encerrado no seu particular mundo que non se decata que no exterior está a caer un trebón ou unha chuvia de lava tipo Kilauea. Cando viñeron mal dadas, en troques de aturar estoicamente o mal trago, refuxiouse de sobremesa nun restaurante.

Pero tal vez o que máis me sorprendeu foi a nula capacidade de reacción do grupo parlamentario do PP. A presidenta do Congreso, Ana Pastor, tramitou de urxencia a moción, convencidos os populares de que Sánchez non acadaría apoios. Unha táctica que se lles volveu á contra cando, obtidos estes, Rajoy e compañía non tiveron tempo de desmontar a operación, co engadido ameazante dunha segunda moción, a de Podemos, se a de Sánchez fracasaba.

Unha parálise que nin tan sequera daba opción a unha dimisión evasiva. Caso de dimitir Rajoy, a moción decaía e o PP tería que propoñer un/ha candidato/a á investidura á espera da moción de Podemos. Pero visto que non acadaría unha maioría suficiente, estaba cantado que habería disolución da cámara e eleccións anticipadas, co risco engadido dunha eventual vitoria de Ciudadanos (que por iso aspiraban a unha moción instrumental, para aproveitar as previsións demoscópicas).

Ninguén no grupo parlamentario do PP ergueu un dedo para tentar un aceno de resistencia: de inmediato pasaron ás descualificacións, ás mentiras, cando non ao insulto aberto contra os que apoiaban ao candidato Sánchez. Pero –con horizonte de eleccións ou non- os deputados populares sabían que a sorte estaba botada: o apoio aberto de ERC e do PDeCat a Sánchez arrastrou ao PNV a –previa chamada a Bruxelas- engadirse á moción. Rajoy, sinalado el e o partido que preside pola sentencia da Gürtel, deixara de ser un factor estabilizador a ollos de Merkel. Un factor de risco que coa que está a caer en Italia, la UE non se podía permitir.

Tiñan razón os portavoces do PP cando indicaban que a corrupción era cousa do pasado. Concretamente, do pasado aznarista. O problema radica, comezando polo propio Rajoy, en que a espiña dorsal do partido segue a ser sucesora –malia as discrepancias co sector neoliberal: Aguirre e compañía- do legado de Aznar. Rajoy tal vez quixo pero non puido rachar a influencia da aznaridade porque el tamén formaba parte “non menor, é dicir maior” –que dixo a propósito da cerámica de Talavera- da mesma.

O PP –polo menos cos seus actuais dirixentes- chegara a unha situación de obsolescencia de materiais, de auténtica aluminose porque na súa forxa hai vinte anos a mestura xa tiña pecados orixinais. Un deles, sen dúbida, foi a nula ou baixa comprensión do que é a democracia, o espírito cívico e democrático. Iso explicaría as dúbidas de Rajoy, por exemplo, cando na Escola Naval de Marín dixo non entender as razóns polas que o concello de Pontevedra retirara -en 2002, xa choveu daquela- o nome do almirante Salvador Moreno dunha rúa. ¿Podía ignorar Rajoy a traxectoria deste alto oficial de Mariña? ¿Acaso o xa ex presidente non sabía que o “Canarias” –que comandaba- bombardeou aos fuxitivos de Málaga cando as tropas sublevadas ían conquistar esta cidade? ¿Non abundou que as autoridades tivesen que certificar a súa morte cando foi imputado pola xustiza arxentina por crimes contra a humanidade? En definitiva, ¿podía, como deputado e aínda máis como presidente do goberno, ignorar una lei –a de memoria histórica, de 2007- aprobada polas Cortes?

O PP chegou á moción de censura como aqueles náufragos que malia seguir con vida, están tan cansos que se negan a nadar máis e aceptan resignadamente que o mar os leve onde sexa. Os deputados populares xa non tiñan forzas para resistir porque, caso de facelo, ter que optar por un novo candidato podería facerlles gastar as poucas forzas que lles quedan. Malia as mentiras que seguirán a dicir (os xuíces da sentencia da Gürtel se equivocaron, a elección de Sánchez foi ilexítima), cómpre que comecen a aceptar que se iniciou un novo ciclo: os herdeiros dos herdeiros do franquismo xa están definitivamente na papeleira da historia. E nun derradeiro acto de lucidez, Mariano Rajoy presentou a súa dimisión como presidente do Partido Popular. Poderá ver con máis tranquilidade os partidos do Mundial de Rusia, non cabe dúbida.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS