Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 21.08.2017 Actualizado 18:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A oposición abandona unha comisión despois de que o PP rexeitara a Carmen Santos

Os populares din que non é unha "interlocutora válida" // A deputada de En Marea pedirá amparo á Presidencia do Parlamento galego

SANTIAGO. EP  | 19.04.2017 
A- A+

Todos os grupos da oposición abandonaron na tarde deste mércores a comisión Institucional do Parlamento galego despois de que o deputado popular Alberto Pazos Couñago asegurase --durante o debate dunha iniciativa de En Marea sobre discapacidade-- que non recoñece a Carmen Santos como "interlocutora política válida".

Ante esta afirmación, os deputados de En Marea, PSdeG e BNG abandonaron a sala, mentres Pazos Couñago queixouse do "show" da oposición. Os deputados volveron pouco despois para participar na votación das iniciativas.

Esta situación chega despois da polémica por un 'tuit' de Carmen Santos no que o PP interpreta que chama aos populares "asasinos de mulleres". Esta mesma semana a deputada de En Marea protagonizou un novo enfrontamento nas redes sociais con Paula Prado (PP).

Posteriormente, En Marea criticou nun comunicado que Pazos Couñago centrase a súa intervención en "ataques" contra a deputada Carmen Santos, unha actitude coa que considera está a vulnerarse "a democracia parlamentaria, antepoñendo os intereses partidarios e esquivando unha proposta para mellorar a vida de miles de persoas con diversidade funcional".

Finalmente, os populares votaron en contra da proposición de En Marea --apoia por PSdeG e BNG-- que reclamaba, entre outras cuestións, que sexa imprescindible acreditar o cumprimento da cota de reserva de persoas con discapacidade para que empresas poidan acceder a contratos públicos, subvencións ou beneficios fiscais.

SANTOS PEDIRÁ AMPARO Á PRESIDENCIA DO PARLAMENTO

Pola súa banda, Carmen Santos informou de que pedirá amparo á Presidencia do Parlamento e presentará unha queixa formal contra a deputada Paula Prado debido ao que considera "violencia institucional" por parte do PP.

Nun comunicado, Santos critica a actitude dos populares e censura as palabras de Pazos Couñago na comisión, á vez que avisa ao PPdeG de que "a interlocución institucional decídena os cidadáns cos seus votos".

Nesta liña, a deputada de En Marea di "sentir vergoña allea" polo modo de actuar do PPdeG. Sobre os populares recrimina: "Deben sentirse avergonzados, tanto pola corrupción, como polas mentiras do seu partido, pois se está comprobando que non hai casos illados senón unha trama, como pola auténtica violencia institucional que levan semanas exercendo contra a miña persoa".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS