Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 13:50
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A oposición arremete contra Abel Caballero por usar a súa propia imaxe nunha campaña sobre o Nadal vigués en Madrid

VIGO. EP  | 19.11.2019 
A- A+

A oposición municipal no Concello de Vigo arremeteu este martes contra o alcalde da cidade, Abel Caballero, por utilizar un gran cartel coa súa propia fotografía convidando os madrileños a coñecer o Nadal olívico, no marco dunha campaña promocional que se inaugurou na Estación Sur de Madrid.

Esta campaña consiste na instalación de grandes paneis con fotografías da iluminación do Nadal e, entre as imaxes, hai un gran cartel coa cara do alcalde, e a mensaxe: "En Vigo querémosvos recibir no Nadal. As luces e o Nadal en Vigo, as 'máis top do planeta'. Esperámosvos".

O grupo municipal do PP cualificou como "inadmisible" que "se use unha campaña institucional do Concello para facer campaña de promoción persoal" do alcalde. "É grotesco (...), roza o histrionismo e empézanos a lembrar a Gil e Gil", apuntou o portavoz 'popular', Alfonso Marnotes.

Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, lamentou que, en lugar de aproveitar un soporte como a Estación Sur de Madrid para "vender a cidade", o goberno vigués "pon o 'jeto' do alcalde" e "parece que convida o alcalde ao Nadal, cando os que convidan son os vigueses, que pagan cos seus impostos os dous millóns de euros que custa".

Segundo Pérez, "isto forma parte da política delirante" de Abel Caballero, que se comporta "coma se a cidade fose súa, unha satrapía que el controla". "Un capítulo máis deste Nadal casposo", engadiu.

Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, afirmou que "Barcelona tiña a Cobi, Sevilla a Curro e agora Vigo ten a Abel Caballero, que vai camiño de substituír ao 'dinoseto' como mascota da cidade". "Que diría o PSOE de Vigo se a Xunta fixese unha campaña de promoción de Galicia coa cara de Núñez Feijóo?", cuestionou o edil nacionalista.

O concelleiro expresou a súa "vergoña allea" pola campaña de "autobombo" e "frikismo político" do alcalde de Vigo, e pediu que esa campaña "non se pague con diñeiro público", senón que a financie a agrupación socialista da cidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS