Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 19.02.2018 Actualizado 18:06
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

A oposición defende ao persoal de xustiza e empraza á Xunta a chegar a acordo

En Marea denuncia que o PP "non ten interese" no correcto funcionamento dos xulgados por "todos os escándalos de corrupción"

SANTIAGO. EP  | 12.02.2018 
A- A+

Os grupos da oposición defenderon este luns as reivindicacións do persoal de xustiza, que se atopa en folga indefinida desde o pasado mércores en Galicia, e emprazou á Xunta a facer "un esforzo" para chegar a acordo.

Precisamente, este luns os sindicatos e a Xunta volveron reunirse, pero o encontro fracasou, polo que se mantén a folga indefinida que provocou xa a suspensión de centos de xuízos e a práctica paralización dos rexistros civís.

A preguntas da prensa, o portavoz de En Marea, Luís Villares, criticou a "irresponsabilidade" do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na actuación respecto deste conflito.

Neste sentido, defendeu que se atendan as reivindicacións dos sindicatos, que son "xustas" e están "perfectamente identificadas", como a reposición das prazas amortizadas ou que as persoas de baixa "poidan seguir cobrando" a final de mes "igual que Feijóo cando ten gripe".

Doutra banda, Villares advertiu de que a suspensión de xuízos beneficia ao PP, que "non ten interese" no correcto funcionamento dun sistema "con todos os escándalos de corrupción" e "financiamento ilegal", que se destaparon pola "boa actuación de xulgados, tribunais" e, "de forma esencial", dos traballadores da administración de Xustiza.

PSDEG PIDE UN "ESFORZO" O GOBERNO GALEGO
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, cualificou de "positivo" que a Administración autonómica sentouse este luns a negociar "despois de negarse de forma reiterada", pero advertiu que "ten que facer un esforzo".

Respecto diso, aludiu a que hai unhas semanas, a Xunta aceptara a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, pero "como non lle gustaban os resultados, renuncio á mesma". Por iso, apostou por "retomar" o que dicía este organismo e "eliminar a discriminación entre traballadores da xustiza en Galicia e o resto das comunidades autónomas".

Nunha rolda de prensa no Parlamento galego, Leiceaga reclamou á Xunta unha postura para solucionar o conflito "sen facer trampas, sen incluír a Ceuta e Melilla" e expuxo "os traballadores teñen flexibilidade para aceptar prazos e condicións que se negocien, pero debe cesar a discriminación".

O BNG CENSURA QUE A XUNTA "DINAMITOU A MESA DE NEGOCIACIÓN"
Así mesmo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, critica que a "primeira folga de xustiza en Galicia" é "consecuencia directa dos recortes e da prepotencia coa que desgobierna a Xunta".

Pontón censura que a resposta do Goberno galego ante unha reclamación "xusta" foi "dinamitar a mesa de negociación", mentres cre que "habería marxe para dar unha resposta satisfactoria" que mellore as condicións laborais e funcionamento da xustiza se a Xunta "quixese".

Por iso, empraza ao Executivo autonómico a que dialogue e a que "abandone a prepotencia e a chulería que caracterizou a xestión de toda esta folga", mentres considera que ten "unha responsabilidade moi importante o actual presidente da Xunta". De tal forma, esixe que se atenda "esa dobre demanda" de "mellora salarial e da xustiza".

O PP DEFENDE Á XUNTA
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, dixo que espera que este conflito "ten que solucionarse" antes ou despois.

Así mesmo, Puy defendeu que a Xunta "mostrou moita máis flexibilidade" que os representantes dos traballadores para tentar pór fin á folga.

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS