Hemeroteca web
|
RSS
Martes 22.05.2012
| Actualizado 01.00
Tanto vai o cántaro á fonte que acaba crebando. Tanto o tensar a corda por un impenitente e esixente, cando non ameazante dialecticamente nacionalismo, que ás veces os cálculos rompen e a partitura cambia o guión subitamente. É o que pasou en Escocia ante a inesperada proposición do premier británico. Un referendo, unha soa pregunta, independencia a Escocia si ou non. Sen termo medio, sen outras chantaxes nin simulacros. Independentistas, unionistas e autonomistas. Difícil equilibrio. E aínda que a vitoria parece a primeira vista do Partido nacionalista escocés que hai só un ano nas lexislativas cultivou un irresistible éxito electoral, a reacción de Whitehall é un órdago con longo percorrido. Pedindo o máis conseguimos o menos e seguimos sumando. Práctica esta recorrente do nacionalismo vasco e catalán e nun segundo e afastado plano do nacionalismo galego.
Salmond, o líder escocés, quere un referendo para 2014, e máis que unha independencia aberta quere unha maior autonomía como a española, ou talvez sen emular explicitamente a experiencia territorial e competencial autonómica e española. E como colofón á presión unha segunda pregunta sobre a independencia, pero sen concretar datas da mesma. Cameron, o primeiro ministro aparenta ceder e cambia o guión, referendo en ano e medio e só unha pregunta, a da independencia, non máis autonomía, ou devolución de poderes como se chama na illa.
A diferenza do modelo español constitucional onde o título oitavo recoñece e implanta o estado autonómico, en Reino Unido non hai constitucións escritas, é o costume multisecular que arrinca en 1215 coa súa Carta Magna das Liberdades onde os nobres frearon o abuso do monarca, Juan Sen Terra e os seus dereitos constitucionais e liberdades, aos que seguirían os Petition of Rights de 1628 e os Bill of Rights de 1689 e que ao longo dos séculos irá perfeccionando o armazón xurídico e constitucional británico. Cansaron os ingleses das proclamas dialécticas e demagóxicas escocesas? Ou pola contra é un pulso que saben que poden gañar cando independentistas e unionistas seguen a súa pugna política fronte a outro bloque que quere máis autonomía?
Hoxe discútese mesmo a viabilidade ou non, constitucional, da convocatoria mesma do referendo. E o problema non é a pregunta, é a celebración ou non do referendo e se o parlamento británico ten ou non dereito a prohibilo. Referendo consultivo ou vinculante? E agora volvamos a vista ao noso país. Sorprende que aínda hoxe non reaccionasen os nacionalismos vasco, catalán e galego ante o escenario que se abre en Escocia. E buscasen similitudes e esgrimirán idéntico dereito aínda que a realidade escocesa xurídica, política e constitucionalmente nada ten que ver coas nosas autonomías, aínda que tampouco ten que ver Kósovo pero pronto cataláns e vascos argüiron similares pretensións. Economicamente a diferenza de Cataluña e País Vasco, Escocia é a parte económica máis pobre do Reino Unido. Xogo de suma cero, todo ou nada, ou talvez todo debe cambiar como o príncipe de Salino para que nada en realidade cambie.
Vimos como o pasado ano celebráronse en Cataluña cunha Esquerra abanderando os procesos e unha CiU consentindo e acirrando coa boca pequena, consultas soberanistas en multitude de municipios cataláns, sen que os tribunais entrasen a xulgar tamaños feitos. A Constitución española prescribe moi claramente a posibilidade do referendo, a iniciativa do mesmo, a convocatoria e a extensión, todos os cidadáns. Non di que os dunha comunidade autónoma, senón todos, e ao referirse a todos é a cidadanía española na súa integridade.
Non nos enganemos, nada hai contraditorio no discurso nacionalista. O xogo de suma cero segue o seu curso. Tampouco significa que o guión sexa incólume ou a partitura estea ultimada, simplemente procúrase marcar o son que se quere, o resto facer bailar e esperar. E de esperar sabe e moito o nacionalismo, é paciente, versátil, tamén atrevido. Cara amable dun lado, discurso recio e agre doutro, frontista, ás veces descaradamente rupturista. Modúlanse as palabras, coquetéase cos pleonasmos interesados e solipsistas. Toléranse aventuras, tamén aventuristas. Sempre a mesma letarxia impenitente. Sempre a presión ex ante e ex post dun proceso electoral. E buscarán similitudes co caso escocés, esgrimirán iguais dereitos e porán unha pedra máis no seu anceio soberanista.

Logo do Día ( e para o que nos veña…). Por David Otero
Tregua na ofensiva central contra as autonomías. Por Xosé A. Gaciño
Unha de xigantes, pinochos e safaris. Por Alba López Sánchez
Letras Galegas: Valentín Paz Andrade. Por Manuel Dourado Deira
Réquiem polo xornal de Galicia (E EPÍLOGO ESPERANZADO) Por Jorge M. de la Calle
TERRA... Por Xosé M. Lobato Martínez
A maldición da eternidade. Por Antonio Gutiérrez
Fiz Vergara Vilariño merece o Día das Letras Galegas. Por Xosé Lois García
Clamor estudantil contra os recortes. Por Xabier Pérez Igrexas
Fala alén do verbal. Por Isidro Novo
As memorias dun neno da aldea. Por Pablo Vaamonde
As xeografías do mar e dos seus fillos. Por Xavier Castro Rodríguez
Non a esta Europa. Por Xosé M. Rivas Troitiño
Non hai volta ao pasado. Por Manuel Mera
Haberá un boom enolóxico? Por Joaquim Ventura
A viaxe do elefante. Por Diana Varela Puñal
Novo Terras de Santiago, ¿e nova política lingüística? Por M. de Bran
Natura e realeza. Por Francisco B. González Tenreiro
Conde Roa e Núñez Feijoo. Por Elías Pérez Sánchez
Querida primavera… Por Ruth Fernández
Metáfora e praxe (I). Por Manuel Vidal Villaverde
Bicentenario da Constitución de Cádiz: actitudes opostas de dous cregos da Costa da Morte en 1812. Por Xosé María Lema Suárez
Política lingüística (2). Por Xosé Ramón López Boullón
Órdago nacionalista. Por Abel Veiga Copo
Apostatar, ¿dereito ou penitencia? Por Ángel Amaro Quintas
Outra crise no BNG. Por Manuel Miragaia Doldán