Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 23.03.2017 Actualizado 21:15
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

PAVILLÓN DE REPOUSO

“El orden invisible de las cosas”, terceira novela de Fernando Ontañón

PABLO VAAMONDE  | 30.11.2016 
A- A+

Fernando Ontañón, que se deu a coñecer como escritor en 2010 con Relatos invisibles, ven de publicar o seu terceiro libro de narrativa, El orden invisible de las cosas (Ézaro Ediciones, 2016), no que se confirma como unha figura emerxente da literatura española actual. Este cántabro (Santander, 1972) afincado na Coruña desde hai anos, ten unha decidida vocación literaria que o ha converter, máis cedo que tarde, nun autor de referencia.

Como serei eu cando non sexa eu? Estes versos do poeta Angel González inician o terceiro libro do escritor. Nesta novela entrelaza historias interpretadas polo protagonista en dúas etapas da súa vida. Relata a paixón do seu primeiro e intenso namoramento e narra, tamén, o derrubamento, lento e doloroso, do seu matrimonio, vinte anos máis tarde. Describe as intensas xornadas amorosas do mozo –na etapa de estudante-, e a desazón e desasosego dunha parella que camiña, anos despois, cara o desastre, cecais buscado por eles mesmos.

Na segunda parte do libro introduce un elemento de intriga, e a investigación dunha realidade histórica. O protagonista conecta, por azar, con persoas relacionadas coa Brigada Político-Social, moi activa no tardo-franquismo e que acadou relevancia pola crueldade dalgúns dos seus principais actores (o célebre comisario Roberto Conesa, ou o policía González Pacheco, alias Billy el Niño). A novela adquire unha maior intensidade e o autor reflexiona sobre cuestións de permanente actualidade. Pregúntase pola segunda vida dos monstruos que practicaron a tortura; despois de rematada a ditadura: qué vida levaron? A qué se adicaron? Cómo se relacionaron cos demáis sen que soubesen do seu pasado? O autor tamén se cuestiona polo sentemento de culpa, polas consecuencias da conduta propia para os descendentes, sobre o azar que dirixe os nosos pasos e condiciona de xeito definitivo o rumbo das nosas vidas.

Queda reflectida a ignorancia da xuventude sobre a historia recente. Os mozos que naceron na democracia descoñecen case todo da ditatura e das múltiples aristas e zonas de sombra que deixou para a historia. Os mozos que aprenden a ser adultos neste libro non saben nada da crueldade do franquismo, que usou os servizos secretos para vixiar os pasos das persoas suspeitosas de non ser adictos ao réxime, e que utilizou a ameaza, a violencia e a tortura para perseguir calquera indicio de desafección. Todos estes elementos, que poden semellar de difícil mestura, aparecen na novela con naturalidade e coherencia. O fio narrativo conduce o relato con fluidez e os feitos prodúcense como se formasen parte dunha cadea natural e inevitable.

Considero que estamos ante unha obra importante da actual narrativa española, dun libro que aborda unha parte da nosa historia, que segue a proxectar unha fúnebre sombra sobre o presente. E todo ese territorio que abarca a novela (a relación amorosa, o desgaste da parella, a crueldade da policía franquista, os inicios da democracia, os comezos da corrupción urbanística, etc.) é observado polos ollos e narrado coa prosa dun autor novo, que ten unha mirada e unha percepción da realidade ben distintas ás dos seus antecesores (Muñoz Molina, Llamazares, Chirbes). Teño a certeza de que estamos ante un autor que, algún día, verá os seus escritos nos libros de texto dos Institutos. Así o espero.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

EL ORDEN INVISIBLE DE LAS COSAS”: PRESENTACIÓN EN CORUÑA.

Sábado, día 3 de decembro, ás 13.00 horas, na libraría Berbiriana (rúa Santiago, 7)

Participan:

-Fernando Ontañón, autor.

-Javier Pintor, profesor de literatura.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS