Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

Os orzamentos de 2020 incorporan novas rebaixas fiscais e reducen máis o imposto de transmisións no rural

O Imposto de Transmisións Patrimoniais será do 5% para vivenda habitual no rural galego, o máis baixo de todas as comunidades

SANTIAGO. EP  | 17.10.2019 
A- A+

Os orzamentos galegos para o ano 2020 que aprobará este xoves o Executivo autonómico na súa reunión semanal incluirán novas rebaixas de impostos e porán o foco con especial intensidade no rural, onde se reducirá máis o Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para a adquisición de vivenda habitual.

"O rural galego converterase no lugar onde menos custe comprar unha vivenda en toda España", sinalou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no seu perfil da rede social 'Twitter'. En concreto, o ITP será do 5% para vivenda habitual, o "máis baixo" de todas as comunidades.

A Xunta xa rebaixara este imposto no caso de vivenda habitual no conxunto de Galicia, ao reducir o tipo do ITP do 8% ao 7%, o que situaba á galega entre as comunidades con menor tributación neste ámbito.

Ademais, no caso de que a adquisición de vivenda habitual a fixese unha familia numerosa, un mozo menor de 36 anos ou persoas con discapacidade, o tipo impositivo pasara do 4% ao 3%. No caso do rural galego, no marco do Programa 'Impostos Cero', estes colectivos estaban exentos do pago do ITP.

"MENOR CARGA FISCAL POSIBLE"
"En 2020 os galegos pagarán menos impostos. Os orzamentos que presentaremos incluirán novas reducións, como sempre fixemos: garantindo a menor carga fiscal posible que permita a realidade económica", indicou Feijóo no seu perfil de 'Twitter'.

Nun 'fío' no que incorpora dúas fotografías --unha do detalle dos orzamentos e outra co conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que aparece de costas--, Feijóo concreta a nova rebaixa do imposto de transmisións no rural.

Lembrou que esta medida se suma ao Programa de 'Impostos Cero' que xa existe para adquirir parcelas nas zonas menos poboadas. "Para que o rural sexa atractivo e a xente queira vivir nel hai que enchelo de incentivos", reivindicou.

"POR DIANTE" EN REDUCIÓN DE IMPOSTOS
Finalmente, Feijóo remarca que a Xunta desexa que Galicia, "sempre que sexa posible, vaia por diante en redución de impostos" e que, "en ningún caso, quede atrás".

"E así quedará reflectido nos orzamentos. Unha vez máis en tempo e forma. Galicia é estabilidade", resolveu.

MÁIS DE 10.000 MILLÓNS
O Goberno galego aprobou un teito de gasto non financeiro para o exercicio de 2020 --xa ratificado polo Parlamento-- que eleva a 10.160 millóns de euros, o que supón aumentar a capacidade de gasto en 311 millóns (un 3,1%) en relación ao orzamento en vigor.

Ademais, a Xunta actualizou a previsión de crecemento do PIB para este 2019 á baixa --do 2,5% previsto inicialmente ao 2%--. Para 2020, a previsión é que a economía galega creza un 1,9%. No entanto, mantense o crecemento "sostido" do últimos seis anos.

En canto á taxa de paro, a Xunta actualízaa tamén para o exercicio en vigor, cunha evolución favorable xa que se contempla que caia do 12,7% fixado inicialmente ao 11,4%. A finais de 2020, Feijóo indicou no seu día que a previsión é que "ronde o 10%" (a previsión concreta para o exercicio é do 10,6%).

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS