Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 23.05.2013
| Actualizado 12.28
O secretario xeral do PSdeG, Manuel 'Pachi' Vázquez, afirmou que coa proposta de copagamento farmacéutico do Goberno "se inicia a grande ofensiva contra a sanidade pública en España, tristemente encabezada por un presidente que se chama Rajoy e un presidente (autonómico) que se chama Feijóo".
Nunha rolda de prensa en Vigo, onde se reuniu co alcalde, Abel Caballero, para falar sobre a Área Metropolitana, o líder dos socialistas galegos considerou que tanto o xefe do executivo central como o presidente da Xunta "lanzan o gran desembarco" contra a sanidade pública" e "incumprindo o que dixeron en campaña".
Así, explicou que a "tódolos pensionistas galegos" se lles cobrará o 10 por cento das receitas, segundo esta iniciativa, a cal cualificou de "gran felonía" contra os cidadáns. Ademais, acusou os populares de "mentir", pois en campaña electoral dicían que o copagamento "era unha mentira dos socialistas".
"Van facerlle pagar á saúde dos nosos pais e á educación de noso fillos o custo dunha crise que é do sistema financeiro", denunciou Vázquez, quen advertiu de que os socialistas non o van permitir e "non van deixar sós os enfermos, aos alumnos nin ao futuro deste país".
Así mesmo, Pachi Vázquez asegurou que este asunto era unha "manía" de Feijóo, a quen acusou de "mentir" dicindo primeiro que non pero, segundo apuntou o socialista, "agora é que si".
"AFRONTA"
O socialista explicou que o gasto en receitas ao ano é de 900 millóns de euros e que cada ano en Galicia se estenden 60 millóns de receitas. De igual forma, indicou que o 10 por cento de cada receita supón aproximadamente o 10 porciento de 15 euros e que "o resto son eufemismos".
Nese mesmo sentido, estimou que calquera maior de 70 anos é "enfermo crónico de algo, ou da tensión, ou do colesterol, ou da diabete, ou de procesos articulares" e debe acudir periodicamente ao médico.
Por todo iso, asegurou que garantirá "todos os recursos do socialismo galego para que a sociedade galega non pase por esa afronta" que ao seu xuízo, é "desmontar" o sistema nacional e galego de saúde; e solicitou ao Goberno que "se ten un problema de financiamento, que o diga" e buscaranse fórmulas, pero "que non o faga pagar a quen menos ten e máis o necesita".
