Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Mércores 20.08.2014  | Actualizado 13.27

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

entrevista

Pachi Vázquez cre que Feijóo supuxo "un retroceso de 30 anos"

Cre e que se recordará polo "paro" e "o ataque ao galego" // "O que fixo ben queda eclipsado por todo o que fixo mal", xulga o líder dos socialistas galegos // Subliña o "prexuízo" da perda das caixas tras reivindicar o SIP que propuxera e pide prevención contra os incendios // Destaca que a oposición pasou os seus procesos internos "con garantías" e que "hai alternativa" fronte ao modelo de "destruilo todo"

Pachi Vázquez nunha rolda de prensa recenteFOTO:
Pachi Vázquez nunha rolda de prensa recenteFOTO:

SANTIAGO. EP  | 15.04.2012 
A- A+

Os tres primeiros anos de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta supuxeron, para o líder do PSdeG, Pachi Vázquez, "un retroceso de 30 anos de avances" en Galicia, toda vez que o seu mandato será recordado "polo paro" alcanzado na comunidade, a súa oposición ao Estatuto de Autonomía, a "destrución" do sistema financeiro e "o ataque ao galego e á economía". "Non se lle vai perdoar cando se escriba a Historia", incidiu.

"Son tres anos nos que non pasou nada bo", sentenciou nunha entrevista concedida a Europa Press con motivo do terceiro aniversario da mudanza de Feijóo a Monte Pío, na que sinalou que todas as lexislaturas deixaban "noticias de mellora" nalgún ámbito: "unha, o Estatuto; despois, as infraestruturas; máis adiante, os dereitos sociais".

Agora, dado que, ao seu xuízo, "non hai nada", o xefe de filas do PSdeG xulgou que "son tres anos moi dolorosos, aínda entendendo que a situación é dificilísima". "Eu creo que se debe máis a unha decisión ideolóxica que a unha situación real", interpretou, en referencia a que Feijóo converteu "o eu non debo nada" no "obxectivo".

"O obxectivo é a calidade de vida da xente e se ti, como presidente dun país que xa vive a máxima angustia, dis que non debes nada, mal rollo", rebateu, denunciando así que Galicia quedou ao bordo de cumprir o obxectivo de déficit porque "o Igape deixou sen gastar o 70%, a obra pública caeu o 80% e se están a desmontar a sanidade e a educación públicas".

Finalmente, opinou que o Goberno autonómico está "noqueado" e deu por feito que o tempo que reste ata a convocatoria electoral deparará á comunidade un escenario no que "as decisións ideolóxicas do PP pesarán máis que os intereses de Galicia".

"OBSESIONADO" CON RECORTAR

Tras criticar "a obsesión de Feijóo por recortar todo", Vázquez considerou que "o control e a estabilidade presupostaria son fundamentais", pero insistiu en que "os gobernos están para que a xente viva ben e non para que viva cada vez peor".

Non obstante, concluíu que Feijóo "vive máis pendente de si mesmo que dos cidadáns" e que, por iso, a súa xestión só pode ser cualificada como "un fracaso rotundo". "Estamos entre as cinco comunidades que menos crecen", argumentou, defendendo que "o camiño" para superar esta situación é "a reactivación económica".

Convencido de que o presidente "escolleu o camiño equivocado", porque as súas medidas só conducen a "máis paro e máis precariedade", sinalou que "o que puidera facer ben queda eclipsado por todo o que fixo mal".

Fronte a iso, o secretario xeral do PSdeG deixou claro que, de ter "a oportunidade de gobernar", o seu partido non vai seguir "a política de brazos caídos mentres se esborralla todo" do mandatario autonómico. Ao contrario, dixo que buscaría "ingresos onde hai máis diñeiro: a banca e as rendas altas" para "reactivar a economía".

O SEU MODELO É "VENDER AS XOIAS"

Outro dos aspectos que máis criticou do presidente é que "nin sequera le" as propostas da oposición para crear emprego ou subir os ingresos vía impostos, algo que atribuíu a que forma parte da "dereita máis radical".

"O seu modelo é: como non teño solucións, vendo as xoias", explicitar, rexeitando que "isto se arranxe sacando o diñeiro da sanidade". "O problema da crise está no sistema financeiro", resaltou.

Xunto ao recorte en materia sanitaria, advertiu contra a política de que "esta crise a paguen os que menos teñen" a través da redución de axudas e prestacións. "Á xente non se lle pode sacar todo, porque se non tes nada, estás desesperado", alertou Vázquez, para quen poden comezar a aparecer "maiores problemas" en outono.

"ONDE ESTÁN AS CAIXAS?"

Unha parte do lastre político de Feijóo é, para Pachi Vázquez, a desaparición das dúas entidades de crédito autonómicas. "Onde están as caixas galegas e solventes? Onde as fotos triunfais e o bolígrafo máxico que Feijóo gardaría para a historia?", preguntouse, crítico co feito de que "hoxe Galicia está sen caixas e sen banco".

Neste escenario, sacou a colación a súa proposta inicial para Caixa Galicia e Caixanova, a formalización dun SIP (sistema institucional de protección) con entidades foráneas, por entender que "nun momento de máxima competitividade financeira, xuntar as dúas caixas suporía cargarse unha".

"Hoxe poderiamos ter as mesmas caixas, adaptadas a outros sistemas financeiros, como en boa parte de España; pero xa non temos nin caixas nin bancos", lamentou o socialista, quen non obviou que o Banco de España tamén "tivo un comportamento nefasto".

Dito isto, xulgou que "a decisión de fusionar as caixas galegas foi un dos núcleos de prexuízo máis grande para Galicia" porque "se pechou o crédito". A iso engádense, como puxo de manifesto, "situacións dramáticas", como a dos afectados polas participacións preferentes, a quen "Novagalicia Banco non lles paga nin os intereses".

Sobre este extremo, reclamou que "se axude a xente a resolver o seu problema", porque "o 90%" das persoas que compraron estes produtos o fixeron guiados por "publicidade enganosa" das caixas. "E suporá unha deterioración brutal para a propia entidade", aventurou.

FALTA DE PREVENCIÓN EN INCENDIOS

Outro punto no que fixo fincapé é nos incendios forestais, que achacou a que "non hai políticas de prevención nin extinción" porque o "Goberno decidiu que o mundo rural non é o seu problema". "O que pasa cos incendios reflexa o abandono do mundo rural", vinculou.

Así, aínda consciente de que Galicia "ardeu sempre", resaltou que "nunca houbo incendios de 22 días" como o que arrasou o Macizo Central o pasado outono. "Durou 22 días, ata que choveu,", recordou.

Seguindo este fío argumental, criticou que Feijóo "sempre busca culpabilizar a alguén" e, se ben concordou con que "a culpa é dos incendiarios", constatou que "incendiarios sempre houbo". "Pero agora non hai bombeiros", sentenciou, alertando de que tamén é "unha temeridade" acurtar as franxas de protección das aldeas porque "pode haber unha desgracia".

O PP "RISE DE GALICIA"

No que se refire ás infraestruturas galegas e, en concreto, á alta velocidade ferroviaria, o dirixente socialista recriminou ao PP que "se está a rir de Galicia".

Xustificou esta afirmación en que "xa decidiu que non vai haber AVE ata 2018" e en que boa parte dos presupostos consignados "non se poden executar tecnicamente".

REFORMA DO MAPA LOCAL

Tamén afeou ao presidente Feijóo a súa negativa a "falar do novo mapa municipal", que, ao seu xuízo, merece unha reflexión "en profundidade" e "un acordo político entre as tres formacións".

Debe incluír, baixo o seu punto de vista, ás deputacións, co fin de conseguir "mellorar a calidade dos servizos aos cidadáns co mínimo custo".

"Se algún día teño unha responsabilidade, unha cousa vai ser sagrada: unha administración, un servizo", explicitou, puntualizando que se trata de analizar que ofrecen concellos, Xunta e Estado para, posteriormente, decidir se ten que haber un órgano provincial" de asistencia a pequenos municipios.
"PREPARADO PARA GAÑAR"

Por último, coa vista posta nas próximas eleccións, aseverou aseverado que o seu partido está "preparado para gañar e gobernar Galicia. As primarias para elixir candidato, avanzou, serán "en outono".

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS