Hemeroteca web
|
RSS
Mércores 22.05.2013
| Actualizado 14.10
O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, esixiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que active o "100 por cento" dos recursos humanos e materiais posibles contra o lume ante a situación de "altísimo risco" que existe nas Fragas do Eume.
Deste xeito manifestouno o líder dos socialistas galegos nunha visita ao incendio que afecta ao parque natural situado na provincia de A Coruña, onde mantivo un encontro co alcalde da Capela, o socialista Manuel Meizoso.
No lugar, Pachi Vázquez reclamou "medidas excepcionais" ante a situación de "altísimo risco" que afecta a Galicia con lumes que esta semana provocaron perdas irreparables no Parque do Xurés e dende o sábado nas Fragas do Eume.
Neste sentido, advertiu a Feijóo de que debe mostrar a súa "implicación directa" e "abandonar de inmediato" a política de "recortes" nas medidas preventivas e de extinción de incendios.
XUNTA "DESAPARECIDA"
Na súa intervención, Pachi Vázquez asegurou que "o Goberno galego non pode estar desaparecido" cunha política de extinción e prevención "cero" nos últimos anos a pesar de condiciónela meteorolóxicas de seca e calor.
Segundo indicou o secretario xeral do PSdeG Galicia vive unha "situación de excepción" que require a actuación a pleno rendemento de todos os recursos do Goberno galego despois de que este tivese os labores de prevención "paralizadas durante tres anos" nos que o monte "foi abandonado".
"Hoxe padecemos o recorte de 22 millóns de euros nos presupostos da Xunta para os traballos de prevención", lamentou Vázquez nunha visita na que tamén participaron os deputados Méndez Romeu, Beatriz Sestayo e Sonia Verdes.
SITUACIÓN "DRAMÁTICA"
O líder dos socialistas galegos considerou "inexplicable" a "falta de medios e de implicación" da Xunta ante esta "situación dramática", na que, como indicou, está a demostrar "unha lamentable falta de coordinación".
Por último, indicou que durante a súa visita á zona puido constatar que o Goberno galego "só ten mobilizado o dispositivo de precampaña" e a UME, pero "mantén sen mobilizar todos os recursos correspondentes a Seaga e sen cubrir as baixas de efectivos".
