Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Sábado 25.10.2014  | Actualizado 13.21

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Noticia 1 de 1 Galicia  |   RSS - Galicia RSS

LANZA UNHA MENSAXE DE UNIDADE RODEADO POLA SÚA NOVA EXECUTIVA

Pachi Vázquez mándalle un recado a Ferraz e reivindica facer un PSdeG "con vida propia"

Chama a "sumar" para gañar a Xunta aos que "lexitimamente tiveron outra opción" no congreso no que se impuso por curta marxe a Elena Espinosa // O crítico Abel Losada, ratificado como portavoz parlamentario

A Executiva socialista reuniuse por priomeira vez tras o congreso - FOTO: RAMÓN ESCUREDO
A Executiva socialista reuniuse por priomeira vez tras o congreso - FOTO: RAMÓN ESCUREDO

SANTIAGO. REDACCIÓN E E.P.  | 17.03.2012 
A- A+

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, xulgou que "unha dos principais sinais de identidade" do seu proxecto para ser "alternativa" ao PPdeG debe ser que ten "vida propia", aínda que traballe "en combinación coa estrutura federal". Así, remarcou que este debe estar pilotado "dende Galicia e para Galicia", nun discurso interpretado como un aviso á cúpula de Ferraz, que apostou na sombra pola ex ministra Elena Espinosa, candidata de José Blanco, Abel Caballero e a maioría dos baróns urbanitas do socialismo galego. 

"Queremos voz propia no socialismo español, dende o socialismo, o galeguismo, a socialdemocracia e o compromiso coa identidade do país", resaltou o líder socialista ante as máis de 50 persoas que conforman o seu Executiva, que se reuniu este venres por primeira vez dende a súa aprobación no congreso da pasada fin de semana. 

Aos novos dirixentes do PSdeG advertiulles de que a súa "responsabilidade" pasa por "marcar a ruta que debe percorrer o socialismo galego nos próximos anos", co obxectivo de "dar solucións aos problemas" da comunidade. Ademais, sinalou que a nova dirección ten que traballar para "ser útil" e para dar resposta aos que "cren que outro modo de gobernar Galicia é posible". 

"Xa ninguén gaña nin perde, xa ninguén forma parte duns ou outros, somos un partido que temos diante un país con tantas necesidades que sería inxusto que dedicásemos un só minuto a seguir falando de nós mesmos", advertiu aos seus. 

Todo iso, segundo Pachi Vázquez, tendo presente que "dentro de oito ou 12 meses" haberán de afrontar "un reto apaixonante", o de "poñer sobre a mesa unha proposta para gobernar Galicia doutro modo". Así que "xa só hai un obxectivo" e pasa por "falar dos problemas" da comunidade e darlles "solución", porque, "para non o facer xa está o presidente".

"ESCAPISMO POLITICO" 

Ante unha executiva "renovada ao 80 por cento", criticou o presidente Feijóo, quen, na súa opinión, protagonizou "un acto de escapismo político" no Debate sobre o Estado da Autonomía, xa que "non falou dos parados" e negou "algo que afirmou en Madrid: que ía cobrar pola sanidade e a introducir o copagamento farmacéutico". 

"Agora o noso único obxectivo é estar na rúa e escoitar a xente con problemas. Porque xa non vale dicir o que saben todos, que este goberno non resolveu os problemas, senón dando solucións", arengou, para pedir liña seguida aos seus compañeiros "máxima dedicación". "Quero recordarvos que somos un grande equipo e que dependemos de nós mesmos", incidiu. 

"O principal verbo que temos que conxugar é sumar. Sumar a todos, aos que pensaron como nós e aos que, lexitimamente, tiveron outra opción política", dixo, recordando que o congreso xa se rematou e que, agora, os socialistas han de ser "un partido unido" para lograr "a confianza dos galegos".

"RESPONSABILIDADE" 

Iso, porque "non se pode deixar o futuro en mans da dereita", subliñou, convencido de que Feijóo pretende "dous Galicias: a dos que poden pagar e a dos que non". "O noso principal obxectivo é defender unha Galicia única con igualdade de dereitos e oportunidades", remarcou Vázquez, criticando así que Feijóo pretenda converter a sanidade nun gran negocio". 

"Temos a responsabilidade de sacar adiante un partido que fai falta a Galicia e de vertebrar un partido capaz de gobernar", finalizou, para avanzar que a próxima semana se crearán os distintos grupos de traballo dentro da executiva. Entre eles, anunciou a creación dun consello de política municipal no que "terán voz" alcaldes e voceiros socialistas. 

Por último, na primeira reunión da nova dirección, destacou que o seu obxectivo é "chegar a todas as agrupacións". A cita faltaron o secretario provincial de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, por problemas de axenda; ademais do líder na provincia de Pontevedra, Modesto Pose. 

Segundo confirmaron a Europa Press fontes próximas a Pachi Vázquez, na executiva ratificouse a Abel Losada como voceiro parlamentario. Ademais, descartaron que se vaian producir cambios no grupo.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS